Lugo, 24 de maio de 2017.- A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, lamenta que o Goberno da Deputación tardara dous anos en presentar unha ordenanza de recadación que xa propuxeron os populares en xullo do ano 2015. “Non tiveron nin a vontade de apoiala cando o presentou o PP e ademais tardaron dous anos en retomar a súa aprobación cando xa lles quedou o traballo feito”, precisa a popular.
A popular recorda que, nada máis entrar no Goberno como presidenta, o seu equipo presentou como unha das súas primeiras prioridades unha moción para adaptar a ordenanza de recadación á situación lexislativa e social vixente, unha proposta que o PSOE rexeitou.
O PP propuña solucións relacionadas coa vivenda, para o pagamento de débedas tributarias no caso de que afectara á vivenda habitual, de axustes para ter en conta as dificultades polas que pasaban moitas familias e moitas persoas na provincia. A proposta do PP incluía ampliar o límite para o cal están exentos de presentar garantías nos fraccionamentos e aprazamentos de pagamento os obrigados tributarios e tamén para deixar fóra do embargo a vivenda habitual no procedemento executivo.
En concreto, a iniciativa perseguía, en colaboración cos concellos, modificar a ordenanza de xeito que, comprobado que non existen outros ben ou medios de pagamento da débeda tributaria no procedemento de recadación executiva, non se proceda á execución do embargo da vivenda habitual como último recurso na recadación.
“Naquel momento os socialistas non tiveron a vontade nin a sensibilidade suficiente, de maneira que bloquearon este procedemento centrados solo nos seus intereses políticos e impediron co seu voto en contra que a Deputación prestase este servizo a custe cero para todos os municipios”.
Condicións laborais axeitadas
En relación con este asunto, desde o PP recordan que existe un acordo plenario de marzo deste mesmo ano no que a petición do Grupo Popular os socialistas teñen que albergar o servizo de recadación “de xeito urxente e inmediato nunhas dependencias que reúnan as condicións laborais axeitadas”. "Hoxe, ademais de chegar tarde coa ordenanza, perderon unha boa oportunidade para dicir cal vai ser ese novo emprazamento polo que seguen esperando os traballadores e traballadoras do servizo”.
O persoal adscrito a este servizo da Deputación desenvolve as tarefas que lle son encomendadas ao seu posto nunhas dependencias alugadas na Rúa Tui que non reúnen os requisitos legais en materia de saúde e seguridade laboral. Un informe elaborado por Traballo e Seguridade Social advirte da existencia de deficiencias en aspectos tales como falta de mantemento da estancia, unha dimensión do local inadecuada, así como problemas nos sistemas eléctrico, térmico e de ventilación.
A voceira critica que o equipo de Goberno da Deputación siga sen contar cunha folla de ruta sobre o futuro destes traballadores, logo de que pasaran case dous meses e non aclararan cal vai ser a solución. “Nós non impoñemos un lugar, pero esiximos unha solución rápida e que haxa vontade política de corrixir esta situación, pensando no dereito dos traballadores para prestar os seus servizos nas condicións axeitadas”. Os traballadores continúan nas mesas condicións, pese ás promesas e ás accións anunciadas que aínda a día de hoxe non se teñen cumprido”, apunta.