Partido Popular de Lugo

O PP de Láncara insta ao Concello a asinar un convenio coa Protectora de Animais para evitar un problema de salubridade e seguridade vial no municipio

LÁNCARA, 22 de maio de 2017.- O grupo municipal do Partido Popular de Láncara insta ao Goberno local a asinar un convenio de colaboración coa Asociación Protectora de Animais, co fin de rematar cunha situación que pode provocar problemas sanitarios, pois “non é raro atopar algún animal extraviado ou abandonado polas rúas do municipio, fundamentalmente cans”; o que pode ocasionar, segundo explica o voceiro, Santiago Cubillas, “un foco portador de enfermidades, problemas de seguridade vial, ataques ao gando e outras molestias”.

 

Os populares realizarán esta petición no vindeiro Pleno, pois a recollida destes “é unha obriga moral e tamén legal”, sendo o concello o responsable civil daqueles animais abandonados indocumentados. Proba delo, é que a lexislación vixente -Lei 1/1993, de 13 de abril, reformada pola Lei 8/2014, de 26 de setembro- establece que é responsabilidade das entidades locais recollelos e retelos, mantelos en condicións dignas, buscar aos seus donos e, no seu último caso, o seu sacrificio.

 

Trátase dun servizo municipal, pero que tamén pode ser concertado con alguna protectora; de aí que o grupo do PP rexistrase no día de hoxe a moción, a través da cal solicitan ao Goberno que “atalle o que pode ser un problema de importante gravidade”, e isto pasa, aseguran, “pola segunda opción”. O convenio, indican, “axústase mellor ás necesidades do noso concello, posto que carecemos de instalacións axeitadas”, especifican.

 

Reparación de pistas

Asemade, o Partido Popular tamén demandará do Executivo local “actuacións urxentes en varias pistas do concello, aínda que sexa dun xeito provisional”. Trátase do arranxo ou reparación de distintas vías que dan acceso a importantes núcleos de poboación, e que “algunhas as levamos pedindo dende o inicio do mandato sen que se realizara ningunha mellora nelas”. Noutros casos, subraia Cubillas, “tampouco se levan a cabo traballos de mantemento, polo que o estado dos camiños é moi deficiente”.

 

Por este motivo, os populares piden que se actúe de xeito “urxente” nos treitos máis deteriorados das seguintes estradas: Monseiro, saída a Samos; Vilaleo a Neira de Rapados; en Láncara, o camiño de Travaselas e camiño das Penelas (subida á Piqueira); Neira de Cabaleiros-baixada ao río Neira, cara Muro; en San Pedro de Láncara: pista da casa Champán e pista de Vilasantán; pista de Villarín-Cortella-Furco; pista de Cedrón a Busto e Armada; pista de Sobrerriba; pista de Galegos a Vigo de Galegos; en Carracedo: treito Trascastro-Velaínza; e, en Toirán: acceso a San Martiño.