Partido Popular de Lugo

O GMP solicita toda a documentación relativa á sinalización horizontal de Arcadio Pardiñas

Burela, 22 de maio de 2017.- O Grupo Municipal Popular (GMP) do Concello de Burela presentou hoxe por rexistro a solicitude de toda a documentación relativa ao proxecto de sinalización horizontal de viais, dentro do que se executou a sinalización da rúa Arcadio Pardiñas. Deste xeito, os populares queren saber “os motivos reais de que non se teña executada parte da obra proxectada, o que ten motivado a protesta cidadá”, indican.

 

Por este motivo, solicitaron copia da documentación de tramitación administrativa, contratación, adxudicación, posibles modificados, informes ao respecto, certificación, abono, da obra correspondente ao proxecto “Proxecto de sinalización horizontal de viais públicos”, aprobado en Xunta de Goberno de 01/03/2017.

 

Desde o GMP consideran que “o alcalde, que prometeu no seu momento consultar á cidadanía sobre aspectos e obras municipais, non está escoitando á xente, e está actuando de forma absolutamente despótica e faltona, mesmo con desprezo e actitude prepotente, demostrando que non leva nada ben que se lle contradiga”, subliñan.

 

“Consideramos absolutamente vergoñentas as súas declaración nas que di que se comparta conforme aos principios da ética”, din os populares. “Entendendo que unha das dúas definicións de ética é a de conxunto de costumes e normas que dirixen e valoran o comportamento humano, temos que decir alto e claro que a súa ética é despreciable, porque se o seu comportamento se basa en non escoitar, e si en impoñer os seus criterios con autoritarismo, como mesmo el di ‘sí ou sí’. Non podemos estar máis en desacordo”, engaden os edís populares.

 

A este respecto aseguran que “que o alcalde apele á ética e ó interese xeral cun tono de plañidera para xustificar o seu comportamento é deplorable. Como o é decir que os veciños teñen que decidir se queren seguir mellorando ou volver atrás. A este señor hai que dicirlle que Burela leva medrando ininterrumpidamente dende a década dos cincuenta do século pasado, e vai seguir medrando a pesares das posturas intransixentes e despóticas do alcalde, e da súa ética tan particular”, conclúen.