Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP pediralle responsabilidades en Pleno ao Goberno da Deputación por mentir e enganar á xente sobre os obradoiros de emprego

Lugo, 16 de maio de 2017.- O Grupo Provincial do PP na Deputación de Lugo pediralle no vindeiro Pleno responsabilidades ao Goberno da Deputación de Lugo por mentir e enganar á xente sobre os obradoiros de emprego que a institución lle ten solicitado á Xunta nos últimos anos.

 

Desde o PP desmenten a información facilitada polo Goberno Provincial e aseguran que foron os socialistas os que entregan os expedientes incompletos, o que fixo que os obradoiros foran denegados. A voceira do PP, Elena Candia, asegura que “non existe verdadeiro interese para conseguir estes programas, como así queda á vista cando a Deputación non resolve os erros en tempo e forma de xeito reiterado”.

 

A popular sostén que a responsabilidade é exclusiva do Goberno provincial e lamenta que nun asunto tan serio como é a política de fomento de emprego a Deputación xogue á confrontación política en lugar de colaborar coa Xunta para ofrecerlles maiores oportunidades de traballo aos lucenses.

 

Desde o PP recoméndanlle aos socialistas que traballen máis e revisen os datos antes de falar, porque, unha vez máis, quedan retractados e incluso perden oportunidades laborais pola súa nefasta xestión, o que priva á provincia de novas oportunidades de emprego para aquelas persoas que están sen el.

 

Tres proxectos autorizados

Os populares saen así ao paso dunhas declaracións da deputada Pilar García Porto nas que afirmaba que a Xunta só lle concedeu á Deputación un dos doce talleres de emprego que solicitou desde o ano 2008, cando o certo é que:

  1. A Xunta de Galicia autorizou tres dos seis proxectos de obradoiros que a Deputación solicitou en tempo e forma desde o ano 2009, tanto escolas obradoiro como obradoiros de emprego.

  2. Denegáronse tres por non acadar a puntuación suficiente, conforme aos criterios establecidos no baremo que contempla a orde de convocatoria.

  3. Entre os anos 2015 e 2016 a Deputación de Lugo iniciou outras cinco solicitudes, pero non as chegou a completar.

  4. A Xunta fixo os correspondentes requirimentos para que achegara a documentación precisa para tramitar a solicitude, pero a entidade provincial non resolveu os erros completando o expediente, o que obrigou ao arquivo das solicitudes por ter desistido o interesado.

  5. É importante recordar que os obradoiros se valoran e puntúan conforme a un proceso de concorrencia competitiva e en base a criterios obxectivos que coñecían de antemán.

 

En detalle

En concreto, nos últimos anos tramitáronse os seguintes expedientes procedentes da Deputación de Lugo:

 

Ano 2010: A Deputación solicitou dúas escolas obradoiro e ambas foron aprobadas: “Servizos á comunidade” e “Servizos á comunidade II”.

Anos 2012, 2013, 2014. Recibidas tres solicitudes para desenvolver obradoiros de emprego -unha en cada exercicio- que non foron aprobadas por non sumar suficiente puntuación fronte a outros proxectos presentados.

Ano 2015. Presentaron tres solicitudes incompletas; non contestaron aos requirimentos para completar a documentación en ningún dos casos. Foron: Adecuación miradoiro Paredones; Revitaliza aos maiores do rural e Comuniteando na provincia de Lugo.

Ano 2016. Presentaron tres solicitudes; dúas delas quedaron incompletas por non presentar a Deputación a documentación requirida pola Xunta. A terceira foi aprobada: o obradoiro de emprego “Comuniteando na provincia de Lugo”, para menores de 30 anos, que rematou o pasado mes de marzo. Os incompletos foron: Adecuación Miradoiro Paredones e Revitaliza aos maiores do rural.