Partido Popular de Lugo

Yanes Ginzo afea “a falta de respecto institucional” do presidente da Deputación e da alcaldesa de Trabada por non convidar ao principal partido da oposición á súa visita á localidade

Trabada, 15 de maio de 2017.- O voceiro do Grupo Municipal do PP e deputado provincial, José Manuel Yanes Ginzo, afea “a falta de respecto institucional” que teñen amosado no día de hoxe o presidente da Deputación, o socialista Dario Campos, e a alcaldesa de Trabada, Mayra García, ao non convidar ao principal partido da oposición á súa visita á localidade.

 

O ex rexedor e deputado provincial critica a actitude dos responsables máximos do Concello e da Deputación de Lugo, habida conta de que Yanez Ginzo forma parte non só da Corporación provincial, senón que o PP representa á metade do corpo electoral de Trabada, posto que a diferenza entre ambos os partidos nas pasadas eleccións foi de 34 votos.

 

Yanes Ginzo precisa ademais que as obras que hoxe visitarán o presidente da Deputación e a alcaldesa son posibles grazas ao apoio dos Presupostos da institución provincial por parte do Grupo Provincial do PP. “Ás veces esquecen que na Deputación hai un Goberno en minoría e que as melloras en dotacións públicas municipais ou no Servizo de Axuda Fogar e de Teleasistencia non poderían ser unha realidade sen o traballo e o apoio que o PP lle deu ás contas provinciais”.

 

Así, o popular reivindica o papel que xogou do PP nas obras que hoxe visitan, así como a intervención na rede viaria, en puntos como Vidal, “non sen tempo”. “Como deputado síntome útil nas melloras que estamos a demandar e conseguir para Trabada, polo que non podo compartir esta falta de respecto e desprezo que hoxe se me está a dar desde o Concello e desde a Deputación”, resume.

 

Yanes Ginzo ponlles deberes a Deputación e Concello

O deputado provincial e portavoz do PP en Trabada pídelles a Darío Campos e Mayra García que aproveiten o encontro de hoxe para resolver e axilizar a posta en servizo de residencia de maiores, un xesto que agradecerían os usuarios e o persoal seleccionado para desenvolver o seu traballo. “Todos agradeceríamos que non sigan poñendo impedimentos, polo que lles demandamos que recollan o guante e inicien a actividade, posto que as obras hai xa ano e medio que están rematadas”, conclúe.