VIVEIRO, 12 de maio de 2017.- Os deputados no Parlamento de Galicia e no Congreso, Daniel Vega e Jaime de Olano, respectivamente, mantiveron este venres un encontro cos afiliados deste municipio, co fin “de pulsar a súa opinión e de recoller as súas propostas”. A xuntanza enmárcase dentro da serie de reunións que ambos os dous políticos están a manter coas distintas agrupacións e compañeiros do PP de Lugo nesta comarca, pois “estes, subliñan, son o activo máis importante”.
Deste xeito, os deputados recibiron “de primeira man” a inquietudes e propostas de actuacións para trasladar tanto á administración autonómica como central, ao tempo que lles agradeceron a todos “a súa participación e involucración”, asegurando que para o Partido Popular “é fundamental saber cal é o sentir dos nosos afiliados e simpatizantes e, sobre todo, coñecer cal é a percepción que teñen das políticas que se están levando a cabo dende as administracións nas que gobernamos”.
“Seriedade e cordura”
“O que pretendemos é, na medida das nosas posibilidades, trasladar tamén canta información nos demanden os compañeiros sobre asuntos que sexan de interese”. Neste senso, os asistentes escoitaron como se está a traballar dende as distintas administracións –Goberno Central e Xunta de Galicia-, insistindo na “idea de unión da que carecen outros partidos e que é patente no Partido Popular”. “Fronte a eles, nós temos unha base que sabemos que seguirá respostando ás demandas dos cidadáns”, destacaron.
A este respecto, os deputados remarcaron que, “cando un Partido demostra seriedade e cordura, é que funciona”, pois “a alternativa que ofrecen o resto de Partidos é a incertidume interna”. “Cando dentro da casa non son capaces de xestionar, moito menos o serán se acadan responsabilidades de goberno”, insistiron.
Reunión con Cáritas
Previamente, os dous deputados tamén mantiveron un encontro cos representantes de Cáritas Diocesanas. Neste caso, a reunión produciuse en resposta á petición desta organización sin ánimo de lucro, na que os integrantes da mesma lles trasladaron aos populares as necesidades que presentan, así como a acción social que está a desenvolver neste municipio.