LUGO, 12 de maio de 2017.- Ao igual que o grupo municipal, o secretario xeral do PP de Lugo, Carlos Armesto, maniféstase “cando menos sorprendido” ante a iniciativa da alcaldesa de Sarria de enviar unha misiva á dirección provincial. Neste senso, o popular quere deixar “publicamente claro” que “respaldamos ao 100% o traballo dos compañeiros deste concello”, pois neste municipio “hai unha estrutura perfectamente creada e que funciona, a diferenza do equipo de Goberno que, asegura, non foi capaz de gañar as eleccións”.
Por elo, Armesto considera que a rexedora “non ten que apelar para nada á dirección provincial” e suxírelle “que non agote os folgos nisto cando en vez de solucionalos, aínda lles crea máis problemas aos veciños”, afirma.
“Un gran equipo”
A dirección provincial ratifica así, “unha por unha”, as manifestacións dos grupo municipal; un grupo, destaca, “formado por xente seria, traballadora e coherente coas decisións que toma”. A este respecto, Carlos Armesto non quere desaproveitar a ocasión para recoñecer o labor “deste gran equipo”. “O proxecto do PP de Sarria foi o auténtico vencedor nas eleccións. Están facer un excelente traballo na Oposición; situación que dista moito da da alcaldesa, que non ten nin apoios dentro do seu grupo”, remarca.
Por este motivo, cualifica de “pataleta” a misiva enviada pola rexedora local; unha decisión, asegura, que xorde froito “dun Goberno desnortado, descentrado e que está a demostrar, pola vía dos feitos, unha profunda incertidume na súa xestión”. Deste xeito, reitera que “intentar apelar ao PP provincial é un insulto aos sarrianos e sarrianas”. Con todo, subliña, “esta dirección está a disposición de todos os alcaldes e alcaldesas, polo que nos honra que unha alcaldesa da provincia se acorde de nós. Será que algo estamos facendo ben”, conclúe.