Partido Popular de Lugo

O PARLAMENTO APROBA O CAMBIO DE DENOMINACIÓN DO HOSPITAL DA COSTA POLO DE HOSPITAL PÚBLICO DA MARIÑA LUCENSE

Santiago, 11 de maio de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a instancia do Grupo Popular, instar á Xunta a modificar a denominación do Hospital da Costa, de tal xeito que pase a levar o nome de Hospital Público da Mariña lucense.

 

O deputado popular Daniel Vega lembrou que o Hospital da Costa cumpriu o pasado ano 2016 o seu trinta aniversario facendo realidade un dos seus obxectivos máis necesarios e agardados: o inicio das obras que darán lugar á súa ampliación e remodelación, para o que a Xunta disporá dunha partida orzamentaria de 12,8 millóns de euros, para un investimento total de 20 millóns de euros.

 

MÁIS MODERNO E ACCESIBLE

 

“Estas obras farán realidade un centro máis moderno e accesible para os pacientes e para os profesionais: con máis camas, cun novo espazo ambulatorio e cun hospital de día médico, entre outras considerables melloras, que se suman as que se foron incorporando nas dúas últimas lexislaturas, como por exemplo, a sala de oncohematoloxía ou a creación das unidades de hospitalización a domicilio”, explicou.

 

Daniel Vega sinalou que o Hospital da Costa “ten unha ampla área de influencia, xa que non se limita aos concellos do litoral norte lucense, como O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz e Ribadeo; senón que abrangue tamén outros municipios do interior como Mondoñedo, Lourenzá, Trabada, O Valadouro, Alfoz e Ourol”.

 

“Considerando estas cuestións e tendo presente que este hospital é o primeiro recurso de referencia sanitaria para toda a zona norte lucense, desde o Grupo Popular propoñemos o cambio de denominación deste centro sanitario e que pase a chamarse Hospital Público da Mariña lucense”.