Partido Popular de Lugo

O Grupo do PP censura que o Goberno provincial estea a sacar peito polo pagamento do custo dos GES cando “están obrigados por un acordo plenario”

Lugo, 9 de maio de 2017.- O Grupo Provincial do PP na Deputación de Lugo censura a actitude do equipo de Goberno da administración provincial ante o feito de que a institución lucense asumirá a porcentaxe do custo dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais que ata o de agora pagaban os Concellos. En concreto, os populares consideran que o Goberno socialista non pode sacar peito polo pago dos custos do GES xa que “están obrigados a facelo por un acordo plenario”.

 

Dende o Grupo Provincial do Partido Popular lembran que foi a pleno en decembro de 2015 unha iniciativa, a proposta do deputado non adscrito, e que saíu adiante por unanimidade, a través da que se obriga ao Goberno da Deputación de Lugo a sufragar o 40% dos gastos dos GES durante tres anos.É dicir, o organismo provincial farase cargo tamén do 20% do custo municipal, polo que deberá achegar un total do 40% dos gastos do servizo.

 

Polo tanto, os populares defenden que “non é razoable a actitude de orgullo que están a evidenciar os socialistas, xa que só se están a limitar a cumprir cun acordo plenario, que deben respectar e que, porén, na meirande parte das ocasións desoen”, reproban os populares.

 

Por último, o Grupo do PP na Deputación tamén aclara e agradece que é a Xunta de Galicia quen está a cubrir o 60% dos gastos que supoñen os GES. “É dicir, o Goberno galego de Núñez Feijóo pon para o mantemento destes Grupos, 6 de cada dez euros”, matizan dende o PP, “o que fai posible a continuidade tan necesaria tanto do servizo como dos seus postos de traballo”.