Partido Popular de Lugo

Carballo, proclamado oficialmente candidato, inicia a campaña cos afiliados baixo o lema “Xuntos, Somos Máis”

LUGO, 5 de maio de 2017.- Dende o día de hoxe, e tal e como indican os estatutos do Partido, Ramón Carballo vén de proclamarse candidato oficial a presidir o PP de Lugo. Deste xeito, cumprido o requisito da lectura da acta, o popular dá comezo á súa campaña interna, e faino baixo o lema Xuntos, Somos Máis”. Así o anunciou no transcurso dunha rolda de prensa, na que compareceu acompañado da Comisión Organizadora, que preside Eugenio Corral.

 

Carballo subliñou que, ata o día 24, “escoitarei a todos os afiliados e recollerei a súas propostas”, pois o seu obxectivo, indicou, é “deseñar un proxecto de Partido máis unido se cabe, sólido e capaz de aportar a cada idea, unha proposta real e executable que redunde no beneficio dos lucenses”.

 

“Como home de Partido, e defendendo que Xuntos, Somos Máis”, nesta campaña estarei a plena disposición dos militantes e simpatizantes. O que buscamos é un proxecto solvente, integrador, resolutivo, dinámico e adaptado ás necesidades dos cidadáns”, remarcou.

 

Comezo polo rural

Neste senso, o candidato explicou que, en cumprimento do anunciado en días pasados, iniciará a súa campaña pola zona rural. “Esta zona terá un peso relevante no meu proxecto. Son un home de palabra. Así me comprometín, e así o farei”. A primeira xuntanza cos afiliados deste distrito será o vindeiro venres, 12 de maio, ás 21:30 horas, no Hotel Torre Núñez. Seguidamente, o luns, día 15, ás 20:30 horas, e no local social das Gándaras, a xuntanza será cos adeptos do distrito 3. O martes, 16, ás 20:30 horas, en Paradai (Bar Melide) e, finalmente, o xoves 18, cos do distrito 5 na sede do Partido, ás 20:30 horas.

 

Con este cronograma, o popular “peinará Lugo de norte a sur, e de leste a este”, porque “quero ser a voz de todos os afiliados e de todas as persoas que queiran sumarse a este proxecto de Xuntos, Somos Máis”.

 

Configuración do equipo

Asemade, anunciou que, ao longo da semana que vén, anunciará os principais membros da súa candidatura. “Eles serán a base deste proxecto. Como persoa de equipo, estou buscando aquelas persoas e perfís que permitan completar o puzzle do proxecto do PP de Lugo que queremos e que tanto demandan os lucenses”. E é que segundo precisou, “temos que ser a alternativa, e isto pasa por un bo equipo, no que cada un terá un rol determinado e cumprirá unha función determinada. Os edificios constrúense pola base, e é precisamente esta base a que fai que se manteñan durante anos, e este proxecto quero que dure no tempo, concluíu.