Partido Popular de Lugo

O PP de Lourenzá alerta de que o concello perde a subvención da Xunta para a contratación de 8 voluntarios

LOURENZÁ, 4 de maio de 2017.- O concello de Lourenzá perdeu unha nova subvención da Xunta de Galicia como consecuencia “da súa nula xestión”. Trátase, desta volta, segundo revelan os populares, da axuda da consellería de Política Social, cifrada en 4.800 euros, e que estaba destinada á contratación de oito voluntarios para o desenvolvemento de traballos culturais, turísticos e medioambientais.

 

Neste senso, dende o PP local recoñecen “non dar crédito ao que está a pasar no noso concello, pois esta é a terceira subvención que o Goberno local perde por solicitala o último día do prazo establecido. Isto é unha mostra máis da incompetencia da alcaldesa e do seu equipo”, subraian.

 

Concretamente, a entidade local, na Xunta de Goberno, celebrada o 26 de abril de 2016, solicitaba esta axuda, que se enmarcaba dentro do proxecto denominado “Voluntariado Concello de Lourenzá: Acompañamento e dinamización dos recursos”, e que incluía a contratación de 4 efectivos para o Camiño de Santiago e asesoramento turístico, 2 para actividades de lecer e outros 2 para iniciativas de sensibilización medioambiental.

 

“Estamos diante un proceder sen precedentes”, subliñan os populares, “pois non entendemos como se pode desaproveitar a colaboración que brindan outras administración, e que son fondos públicos que lle pertencen aos veciños, non aos políticos”. E é que este tipo de axudas distribúense por orde de presentación, ao non ser en réxime de concurrencia competitiva, polo que ao presentarse a solicitude o último día do prazo, provoca que os veciños corran o risco de perder estas aportacións.

 

Uns 50.000 euros en total

Con esta axuda, en total a entidade local leva perdidos máis de 49.000 euros. Ademais da indicada, tal e como denunciaron os populares en días pasados, e polo mesmo motivo, o concello deixou de percibir 35.000 euros da subvención concedida para o acondicionamento do aparcadoiro do cemiterio de San Adriano, así como os 9.311 euros para a contratación dun traballador en risco de exclusión social, que concedía a administración autonómica, a través da consellería de Economía, Emprego e Industria.