LUGO, 2 de maio de 2017.- Ramón Carballo acada un amplo respaldo dos afiliados e sitúase, nestes momentos, como único candidato á presidencia da Xunta Directiva Local. Así o anunciou este martes, data na que pecha o prazo para a presentación de avais e de candidaturas. Deste xeito, o popular, a sete horas de que remate o período para formalizar os apoios, xa superou amplamente o número mínimo que fixan os estatutos (50), multiplicando por seis esta cifra. Os membros do Partido que o desexen aínda poden entregar o seu aval ata as 19:00 horas do día de hoxe.
Dado o éxito acadado, o popular quixo trasladar publicamente o “seu máis sinceiro agradecemento” a todos os compañeiros e afiliados que lle deron o seu apoio. “Son un home de Partido. Estes avais constitúen todo un reto, un compromiso e son unha mostra da ilusión que existe nas nosas bases para que a maquinaria do Partido en Lugo se engrase e bote a andar de cara a ir preparando os vindeiros procesos electorais”, subliñou.
Neste senso, non dubidou en remarcar que se sente “moi agradecido por tanto apoio, pero o meu principal aval como candidato é a miña palabra de compromiso cos afiliados e tamén cos cargos do Partido. É a palabra de que traballaremos en sacar este proxecto político adiante, de que seguiremos sumando simpatizantes e de que o Partido Popular será o motor do cambio económico e social nesta cidade e nesta provincia”, afirmou.
Único candidato nestes momentos
Diante do que semella ser o único candidato á presidencia, Ramón Carballo recoñece que “isto supón para min un enorme compromiso e unha grande responsabilidade”, e afronta este proceso “cheo de ilusión e con moitas gañas”. E é que, segundo aseverou, “isto que, nun principio, pode parecer que fai máis sinxelo o Congreso e vai provocar en min unha relaxación, quen me coñece ben, xa sabe que non vai ser así, senón todo o contrario. Ese apoio mostrado tanto nos avais como en mostras de ánimo persoal, van a facer que tome este reto como un gran desafío”.
Campaña
Concluído o prazo de presentación de candidaturas ante a Comisión Organizadora, fixado no día de hoxe ás 19:00 horas, o que toca “é iniciar a campaña interna”, precisou Carballo. Deste xeito, tal e como indican as normas do Partido, o 4 maio terá lugar a proclamación de candidato e darase a coñecer a convocatoria de campaña electoral interna. O día 5, o candidato proclamado iniciará a campaña electoral, que rematará o 24 de maio.
“Fareino con toda a intensidade posible para recuperar a confianza dos nosos militantes, simpatizantes e lucenses en xeral. Quero que vexan no Partido Popular, e na miña candidatura, a opción idónea na que atopar respostas ás súas demandas”. Así, explicou que a súa intención é reunirse con todas as bases e militantes populares, tanto da zona urbana como da rural, “tendo en conta que este concello ten un importante peso rural”.
“Para o PP, e para min en particular, xa vos digo que a zona rural terá un protagonismo relevante, e deixará de ser a gran esquecida… un veciño da rúa da Raíña terá o mesmo protagonismo que un de Meilán, de Piugos, de Bosende ou de Ombreiro, por citar algúns exemplos”, afirmou.
“Equipo vivo, dinámico, participativo, pero sobre todo, traballador”
Ramón Carballo “agarda non defraudar a ninguén e estar á altura deste respaldo tan importante”, porque Lugo, sinalou, “ten que ser o banderín de enganche do partido na provincia”. Por este motivo, anunciou que, a partir de mañá, se porá en contacto con todas persoas que lle deron o seu apoio, e comezará a elaborar a candidatura, “na que todo o mundo se sinta representado”.
“Será un equipo vivo, dinámico, participativo, pero sobre todo, traballador… un equipo importante para o Partido e a vida política da cidade”. Ademais, engadiu, “que xa vos podo dicir que iremos da man da Xunta Directiva Provincial porque só así se pode enteder este Partido. En definitiva, deixarémonos a pel para colaborar cun proxecto político que será o referente nas vindeiras eleccións municipais”, remarcou.
Protagonismo da afiliación
Ao Congreso, que se celebrará no Fazo de Feiras e Exposicións o vindeiro 26 de maio, están chamados a participar os afiliados da cidade de Lugo. Tanto para para poder avalar ou votar será necesario estar inscrito no censo de afiliados. Deste xeito, todo aquel que o desexe poderá comprobar as súas circunstancias na sede do Partido para votar. A organización ten, dende que se fixo pública a convocatoria, a disposición dos interesados na web www.ppdelugo.es tanto o regulamento do Congreso aprobado, como o modelo que deben presentar coa relación da apoios á proclamación de candidato.