Partido Popular de Lugo

Ramón Carballo solicita o apoio dos afiliados de Lugo para acadar a presidencia local

LUGO, 25 de abril de 2017.- O candidato á presidencia da Xunta Directiva Local, Ramón Carballo, enviou esta mañá unha carta a todos os afiliados do concello de Lugo para solicitarlles o seu apoio de cara ao Congreso do vindeiro 26 de maio, no que esta formación política renovará a dirección deste órgano. Deste xeito, trátase da primeira comunicación que realiza o aspirante, unha vez que fixo pública a súa intención de presentarse ao proceso o pasado venres.

 

Carballo “leva na familia do Partido Popular máis de 30 anos, desempeñando distintos cargos baixo a responsabilidade que se me encomendou en cada momento”, polo que afronta esta nova fase “coa mesma humildade, ou incluso máis se cabe”. Por iso, e dado o forte vínculo que mantén co Partido dende hai tanto tempo, subraia que traballará a reo para crear un equipo no que todos -militantes, simpatizantes e compañeiros- “vos sintades representados”. “Xa vos digo que no meu proxecto ninguén sobra. Todos temos algo que aportar. Esa é a miña filosofía de traballo e, se finalmente me das o teu apoio, será a mesma que aplicarei no día a día”, explica.

 

O gran reto”

Asimesmo, e tendo en conta que o “gran reto” que ten esta formación política por diante son as municipais, subliña que “tanto se saio elixido como se non, traballarei cóbado con cóbado cos compañeiros para que todos os lucenses vexan no noso Partido a única opción para solucionarlles os seus problemas”, pois, considera que hai que reverter a situación propiciada nos últimos anos polos “Gobernos ausentes” da Deputación e do Concello. “Non foron capaces de impulsar nin un só proxecto que beneficie á cidadanía. De pouco serven as fotos, se detrás non hai feitos. Por iso, creo que chegou o momento de que, todos unidos, lle deamos unha volta a esta realidade. Pero, para iso, preciso da túa confianza”, explica na súa misiva.

 

O mellor está por chegar”

Carballo afronta este proceso “cunha enorme ilusión, esperanza e responsabilidade”. Por iso, agradece de antemán a colaboración da afiliación, ao tempo que lle indica que, tanto na sede do Partido, como na web www.ppdelugo.es, teñen cumprida información do proceso para darlle o aval se así o consideran oportuno. O apoio poderá formalizarse ata o vindeiro día 2 de maio, a través do documento que se adxunta coa misiva.

 

Convencido, por tanto, do novo paso que dá na súa carreira política aproveita a ocasión para trasladarlle aos afiliados lucenses unha mensaxe de optimismo: “creo que as grandes obras se fan con grandes persoas. No Partido Popular de Lugo temos moitas e boas, e por iso decidín presentarme á presidencia do Partido, co pleno convencemento de que o mellor está por chegar”, conclúe.

 

Descargar PDF

Descargar Audio