Lugo, 25 de abril de 2017.- O grupo provincial do Partido Popular rexeitou a moción do Partido Socialista para instar á Xunta de Galicia á creación dun Fondo de Participación dos Concellos nos ingresos da administración autonómica, ao tratarse dunha iniciativa, tal e como subliñou o vicevoceiro deste Grupo, José Antonio García, “carente de rigor e elaborada en clave partidista”.
Deste xeito, os populares desvincúlanse destas mocións “sen ningún tipo de fundamento”, sobre todo, porque a fusión municipal en Galicia, matizou García, é voluntaria e, en segundo lugar, avogan por ir a un financiamento axeitado e incluída no marco da FEGAMP, dentro da unanimidade e apartando os criterios partidistas “que é xusto o que querían facer vostedes”.
“Tomámonos moi en serio as necesidades dos concellos. Todos os que estamos aquí vimos da administración local e, polo tanto, para nós, este tema si que é importante”. Por este motivo, consideran “unha frivolidade que se fale así de garantir por lei un fondo cando Galicia, dende hai máis de 20 anos, ten regulada a creación dun fondo específico; cuestión que semella descoñecer o PSOE, apartándose así tamén da FEGAMP, que é o marco para facelo, a pesares de que está presidida por un presidente socialista e hai unha fluída negociación”, afirmou.
“O Besteirismo pasará á historia”
A este respecto, cualifica de “deleznable” a proposta, así como que o Goberno pretenda xustificala co Plan Único e a xestión do Partido Socialista, sobre todo, cando en 2010 o 85% en fondos de cooperación desta Deputación ían para os concellos socialistas, excluíndo aos gobernados polo PP. “O Besteirismo é o exemplo máis claro de arbitrariedade nos concellos e así pasará á historia”, destacou o vicevoceiro.
Neste senso, criticiou que “agora que presuman do Plan Único, impulsado dende o PP, é a triste realidade dunha moción carente de rigor”.
A favor da reversión do superávit
O PP votou a favor da moción do PSOE para instar ao Goberno de España a permitir ás administracións locais a reversión do superávit no ano 2017 sen necesidade de xerar novos ingresos polo mesmo importe. O deputado Demetrio Salgueiro explicou que se trata dunha iniciativa que o Pleno xa debateu en decembro e que o PP tamén apoiou ao entender que é algo a favor dos concellos. “A Lei de racionalización xurdiu cando as administracións estaban moi endebedadas pero os concellos pequenos son os que máis cumpren e presentan un elevado grao de superávit e a súa reinversión sería positiva para a creación de emprego e a para a súa economía”, precisou.
Tamén indicou que se trata dunha iniciativa do PSOE que era “un corta e pega doutra xa debatida”, que incluso contiña os mesmos erros, o que evidencia “a pouca implicación, despreocupación e falta de traballo do equipo de Goberno”.
Sorprendentemente a moción do PSOE saíu adiante sen contar co voto do presidente e de dous deputados do PSOE, Miguel Ángel Sotuela e Pablo Rivera que se ausentaron no Pleno, o que demostra, segundo os populares, a falta de respecto á institución e á compañeira que defende esta iniciativa.