Lugo, 25 de abril de 2017.- O Grupo Provincial do PP denuncia a incoherencia do Goberno da Deputación que hoxe votou en contra de adoptar as medidas necesarias para garantir que a achega ao Plan único cos Concellos sexa de 20 millóns de euros. Pese ao voto en contra do PSOE, a moción saíu adiante co apoio do BNG.
Os populares criticaron, ao fío do debate desta moción, “as constantes faltas de respecto” que o presidente amosa cos membros da Corporación, nomeadamente cos deputados do PP
A voceira popular, Elena Candia, explicou que desde que o PP rexistrou esta moción a Deputación de Lugo publicou unha instrución para resolver as dúbidas en relación co Plan Único dos concellos. “A moción debera ser innecesaria porque a contía era indiscutible, pero o presidente sembrou dúbidas porque aminoraba o compromiso de achega e os compañeiros deputados esforzáronse en explicar que interpretaban mal e ían ter menos achega da esperada”.
“Como onde dixen digo logo digo Diego e emendo a maior decidimos manter a proposta porque abondar en que o compromiso é de 20 millóns de euros creo que non ten nada de malo, polo que pedimos que se posicione alto e claro porque demos un paso importante e creo que con este plan non debera haber máis dúbidas que as consultadas e non debera de quedar ningunha cousa sen aclarar, máis se falamos da achega en base a un compromiso que adquiriu”.
A popular defendeu que ratificar este compromiso por parte do Pleno reforza e abunda o acordo adoptado no seu día. “Eu con vostede non teño ningún trato, chego a acordos priorizando o ben da provincia, porque ten un Goberno mal avido e cun mal entendemento. Non é unha traxectoria da que poida sentirse orgulloso. É máis ben para sentirse avergoñado e vímonos na obriga de analizar datos e facer propostas para que aspectos como os Orzamentos saíran adiante”, explicou.
“Sempre actuamos con lealdade e pensando no ben da provincia e en cumprir os acordos acadados. E as reivindicacións viñeron dos alcaldes e das alcaldesas. Cando se puxo en marcha o plan único non sei se por descoñecemento ou mala fe ou outra intencionalidade que se me escapa non todos defendían o apoio ao plan único e insistían en que sumaban mal e os enganaron”.
Os populares aseguran que o presidente sembrou dúbidas atribuíndose a capacidade de baixar os 20 millóns e, por iso, e como coñecemos ben cómo se traballa nesta institución e non temos interese en que se insulte a imaxe da mesma, creo que sería bo que garantamos que achega os 20 millóns. “Aplaudindo a idoneidade do plan e pedindo que non se xeren incertezas, polo que lamentamos o voto en contra do PSOE”, conclúe.
Apoio ás oficinas de Rexistro da propiedade
Os grupos provinciais da Deputación de Lugo aprobaron por unanimidade unha emenda dos populares na que se expresa o rexeitamento a calquera medida que implique a desaparición das oficinas de Rexistro da propiedade nos Concellos da Quiroga, Becerreá e A Fonsagrada, así como no futuro de calquera outro municipio que xa conte con este servizo. Tamén instan ao Ministerio de Xustiza a manter en activo estas dependencias, así como clarificar o alcance da denominada “agrupación funcional” e manifestar tácita e expresamente se continuarán abertos tres rexistros afectados na provincia de Lugo polo Real Decreto 195/2017
En concreto, o deputado popular, José Antonio García, quen matizou que a normativa do Goberno central non implica a desaparición das oficina do Rexistro de Propiedade nestes municipios, valora o apoio unánime á emenda do Grupo Popular de rexeitar calquera medida que implique un menoscabo nos servizos públicos da provincia.
Competencias sobre despedimentos
O Grupo Provincial do Partido Popular apoiou a moción do BNG para que se traspasen ao Pleno as competencia sobre a decisión a tomar nos casos de despedimentos improcedentes que se poidan producir na Deputación ou nos seus organismos vinculados, pois “o PP é tan defensor dos traballadores como o que máis”.
“Non imos deixar a defensa dos empregados no PSOE, porque hai que defendelos e os temas de improcedencia e xustiza non poden ser paralelos”. Por iso, consideran os populares, tal e como explicou o deputado José Pardo Lombao, que, nestes asuntos, “se debería de contar co Pleno ao non ter maioría. Isto demostraría unha boa vontade. Ogallá que non haxa que tomar estas decisións e, se se fai, que sexa da forma máis xusta posible”, indicou.