Partido Popular de Lugo

O Grupo do PP pide a elaboración dun código de boas prácticas para regular o contido da web da Deputación e garantir o seu uso institucional e de servizo público

Lugo, 22 de abril de 2017.- O Grupo Provincial do PP pedirá no próximo pleno da Deputación de Lugo que o Goberno elabore unhas normas ou código de boas prácticas para regular o contido da web da institución en consenso con todos os grupos da oposición e evitar así que esta páxina institucional estea ao servizo dun partido político e blindar deste xeito a transparencia e a obxectividade, con independencia de quen goberne.

 

Os populares consideran que as canles de comunicación que son sufragadas con recursos propios das administracións públicas, como é o caso da páxina web da Deputación de Lugo, “adquiren en parte ou totalmente a característica de medios públicos” e, polo tanto, deben cumprir, segundo precisan dende o Grupo Popular, “unha función de servizo público baseado en ofrecer unha información veraz, obxectiva e co único propósito de enriquecer o servizo que se lle presta aos cidadáns”.

 

Porén, os populares denuncian que no caso da páxina web da Deputación de Lugo “prodúcese un uso partidista por parte do Sr. Presidente e do PSOE, ao utilizar esta ferramenta como un órgano de expresión e difusión das noticias protagonizadas polo Grupo Provincial Socialista cunha clara politización do tratamento informativo”.

 

Dende o Grupo Popular tachan a politización do tratamento informativo das noticias que se publican na páxina web de “indecente”, como así, precisan, “evidencian as novas publicadas nos últimos meses nas que se fai un uso descaradamente sesgado da información”. “Estanse a publicar de xeito continuo novas que atacan de forma directa ao partido maioritario da oposición cando cada partido xa conta coas súas canles propias para lanzar as súas mensaxes políticas”, precisan.

 

Uso partidista, interesado e tendencioso

Así, defenden que en lugar deste uso partidista, dende o Goberno provincial “deberan cinguirse a dar información de uso público de xeito exclusivo e non facer un uso partidista, interesado e tendencioso”. Os populares aclaran que a ferramenta recae no Goberno, “pero isto non é óbice para facer un uso partidista nin servirse dela coa fin de acusar sen fundamento nin base xurídica a outros grupos políticos máis cando non teñen a opción de defenderse nos mesmos medios e para expor os seus argumentos, o que devén nunha clara indefensión”.

 

Necesidade dun uso eficaz e dunha xestión profesional

Tendo en conta que, e segundo explican dende o PP, os medios de difusión dos que dispón a Deputación de Lugo deberan actuar como unha ferramenta valiosa para a interacción cos cidadáns e para a súa información sempre e cando se faga un uso eficaz deste instrumento e unha xestión profesional; “é necesario, aprobar unhas normas ou un código de boas prácticas para regular os contidos da web provincial, convertendo nunha ferramenta cun enfoque institucional e de servizo público”.

 

Ademais, a través da súa iniciativa o Grupo Popular pide a retirada inminente e urxente de todas aquelas novas, máis de medio cento, que non teñen cabida nunha web institucional de calquera administración dun país democrático, “xa que non debe conter novas con mensaxes partidistas, posto que a súa existencia se xustifica na información que debe ofrecer aos cidadáns dun xeito obxectivo e neutral e non, como está a facer o Goberno provincial, para tratar de adoutrinar aos usuarios”. 

Descargar novas partidistas