LUGO, 21 de abril de 2017.- Ramón Carballo concorrirá a presidencia da Xunta Directiva Local, no marco do Congreso que o PP de Lugo celebrará o vindeiro 26 de maio. Así o anunciou este venres publicamente, acompañado do actual presidente Jaime Castiñeira. “Teño que dicir que o fago con ilusión, con forza e plenamente convencido. Dende logo esta non é unha decisión improvisada. É unha decisión consensuada e adoptada dende o absoluto respecto e lealdade ao Partido no que levo militando máis de 30 anos”, subraiou.
A este respecto, sinalou que tomou a decisión unha vez que se convocou oficialmente o Congreso, “pero tamén é verdade que o fixen despois de que moitos militantes e simpatizantes, e mesmo cargos orgánicos do Partido, me animasen a dar este paso. A todos eles, quero trasladarlles as máis sinceiras grazas por confiar en min e por darme ánimos para presentarme a este proceso”, afirmou.
Sempre a disposición do Partido
Neste senso, apuntou que esta decisión resposta ao compromiso que mantén dende sempre co PP. “Os que me coñecen saben que sempre estiven a disposición do meu Partido. Teño que dicir que o fixen sempre sen ningún tipo de afán persoal. O meu obxectivo sempre foi desempeñar o cargo que fun ocupando en cada momento coas mellores intencións e con toda a miña dedicación. De feito, con gran orgullo podo dicir que xamais utilicei ningún cargo para promocionarme persoalmente, e xa vos digo que tampouco o vou facer se os militantes confían en min para asumir a nova responsabilidade da presidencia”, salientou.
Obxectivos claros: fortalecemento do Partido e ser a alternativa de Goberno
En canto aos obxectivos que se marca se sae elixido son fundamentalmente dous. O primeiro, pasa, segundo indicou, por dedicarse “en corpo e alma a fortalecer aínda máis se cabe o Partido”. Neste senso, agradeceu que á presentación acudisen tanto o presidente da Xunta local, como dos concelleiros do concello de Lugo.
Carballo anunciou que este vai ser un congreso aberto a todos os militantes, seguindo a premisa de “un militante, un voto”. “Será así porque eles son a verdadeira voz do Partido e, en definitiva, os que teñen a última palabra para decidir quen será a mellor persoa para liderar a presidencia local. No Partido Popular somos un Partido amplo e, polo tanto, con sensibilidades diversas. Non obstante, se saio elixido presidente asegúrovos que na directiva que se forme estarán representadas todas esas sensibilidades. Porque, se algo teño claro, é que ningúen sobre e todos sumamos. Son unha persoa de equipo, que non pretende substituir a ningúen, e coas ideas claras para construir o proxecto que nos sitúe como a formación política de referencia na cidade”, insistiu.
O segundo obxectivo é consolidar a formación política como alternativa de Goberno. “Loitarei e traballarei para que o PP sexa o claro vencedor nas municipais en Lugo e tamén para axudar a que sexamos goberno na Deputación”. A este respecto, engadiu: “darei todo de min para que fronte á inacción do gobernos socialistas no Concello e en San Marcos, basados na inestabilidade e falta de xestión, o Partido Popular sexa a acción que permita devolver a ilusión aos lucenses, e que estes vexan no Partido Popular a única forza capaz de garantir a estabilidadenasinstitucións”.
Directiva que “represente a todos”
Deste xeito, o candidato ponse a disposición dos afiliados, dos compañeiros do Partido, ao tempo que lles pide o apoio para facer unha directiva “que represente a todos e que teña a capacidade de traballo e ilusión necesaria para que este Partido recobre o absoluto protagonismo nos vindeiros procesos electorais”.
Currículo do candidato
Ramón Carballo é licenciado en Veterinaria pola Universidade de León. Conta cunha dilatada traxectoria profesional dentro da súa formación académica, pero tamén dentro política, pois é militante desta formación política dende hai tres décadas. Deste xeito, asumiu a portavocía do PP no concello de Pedrafita dende 1987 ata 1991. Dende 1999 ata 2013 desempeñou este mesmo cargo en A Fonsagrada. Dende 2002 ata 2005 foi deputado no Parlamento de Galicia, sendo presidente da Comisión de Pesca e vogal da de Agricultura e tamén na de Asuntos Europeos, así como ponente na de Emigración.
En 2007 regresa á política municipal, como concelleiro ata 2010 no concello de A Fonsagrada. A día de hoxe é vicepresidente da Xunta Directiva Provincial e do Comité de dirección do Partido e, institucionalmente, dirixe a Subdelegación do Goberno en Lugo dende 2012.