Sarria, 21 de abril de 2017.- O Grupo Municipal do PP de Sarria denuncia que a Oficina de Turismo estivera pechada toda esta semana, despois do circo mediático que a alcaldesa protagonizou os días festivos. “Apareceu por alí para facer a foto e saír nos medios e despois volveu abandonar todo”, precisan desde o PP.
Os populares explican que xa estamos en temporada alta, o que fai que a afluencia de peregrinos no Camiño Francés sexa moi elevada, de varios centos cada día, polo que consideran “un feito sen precedentes” que a Oficina non abrira nin un só día desta semana, de domingo a domingo.
É a primeira vez que o municipio máis grande do Camiño Francés mantén a súa Oficina de Turismo pechada unha semana enteira, máis tendo en conta que estamos xa en temporada alta de visitantes e que estivo bo tempo e a afluencia de xente se deixou notar na localidade.
Queixas do sector
Desde o Grupo Municipal aseguran que esta situación está a motivar numerosas queixas de negocios e comercios, posto que os visitantes non teñen quen lles proporcione información sobre os servizos nin a oferta gastronómica, hoteleira ou comercial que ofrece Sarria. Recordan que existen máis de 200 familias que viven de xeito directo do sector servizos e que teñen o Camiño como a súa principal fonte de ingresos.
“Non só se está a dar unha imaxe nefasta do noso Concello, senón que se está a poñer en risco a declaración no ano 2010 de Municipio Turístico Galego, unha distinción que conleva unhas obrigas legais, como ofrecer información adecuada e con persoal cualificado.
“Durante a Semana Santa o persoal que atendeu a Oficina de Turismo non era cualificado e agora nin a atenden, posto que está pechada a cal e canto”, critican. Desde o PP denuncian que o Goberno local tire por terra con esta nefasta xestión a boa imaxe que os peregrinos e turistas podían levar de Sarria, ao tempo que causan un dano irreparable ao sector.