Partido Popular de Lugo

Jesús Rodríguez Martínez, único candidato á presidencia de NNXX de Sarria

Sarria, 21 de abril de 2017.- Segundo deu a coñecer hoxe o Comité Organizador do Congreso Extraordinario local de Novas Xeracións de Sarria, Jesús Rodríguez Martínez foi proclamado candidato á presidencia da formación política xuvenil vinculada ao Partido Popular na localidade de Sarria, logo de constatar que a súa é a única candidatura presentada tralo remate do prazo oficial para poder facelo e unha vez revisada a relación de apoios presentada.

Quen será o único aspirante á presidencia de Novas Xeracións local conta cun moi amplo respaldo xa que presentou o triple dos avais necesarios para promover a súa candidatura. Jesús Rodríguez Martínez é un mozo emprendedor, de 24 anos, dedicado á industria cárnica e distribución.

 

Neste eido, a presidenta do Comité Organizador do Congreso extraordinario, Vanesa Pontón, informa de que o proceso de presentación de candidatura “transcorreu con absoluta normalidade”, cumprindo cos prazos e a normativa estipulada para estes procesos congresuais.

Unha vez proclamada de xeito oficial a candidatura de Jesús Rodríguez Martínez á presidencia de Novas Xeracións do Partido Popular na localidade de Sarria, o regulamento establece o desenvolvemento dun período de campaña electoral interna que se prolongará entre mañá sábado 22 de abril, ata o vindeiro sábado, día 29. Durante este período, o candidato terá a oportunidade de dar a coñecer a todos os afiliados en detalle o proxecto que pretende promover ao longo dos próximo tres anos.

Finalmente, a celebración do Congreso Extraordinario da agrupación xuvenil local terá lugar o vindeiro día cinco de maio no hotel Alfonso IX. Esta cita congresual e a elección dunha xunta directiva e executiva permitirá, segundo precisan dende Novas Xeracións, “reactivar a actividade da formación na localidade e desenvolver un proxecto que prevén que sexa atractivo para a xuventude e que permita á agrupación ser unha necesaria canle de comunicación entre os mozos e a clase política, a través da que trasladar as demandas dos máis novos e ao tempo incentivar iniciativas que repercutan no seu beneficio”.