Partido Popular de Lugo

O PP de Sarria denuncia que o Concello incumpre a Lei de Transparencia e o conxunto da lexislación de réxime local e nega de forma reiterada o dereito de información pública aos concelleiros

Sarria, 20 de abril de 2017.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria denuncia que o Concello incumpre a Lei de Transparencia e o conxunto da lexislación de réxime local e nega de forma reiterada o dereito de información pública aos concelleiros da Corporación, nomeadamente aos do PP.

 

Os populares explican que solicitaron formalmente entre o 11 e o 27 de xaneiro unha serie de documentación, ata 30 solicitudes, indispensables para desenvolver a súa función de fiscalización ao Goberno e máis de tres meses despois o Goberno local oculta e entorpece ese traballo.

 

Así, a pesar de que moitas desas peticións xa era do ano pasado, tres meses despois e sabendo que a Lei de Bases de Réxime Local no seu artigo 77 no que se aproba o ROF obriga e pór esta documentación a disposición do solicitante nun prazo de cinco días, non lles foi falicitada.

 

A mesma Lei prevé ademais que, de non existir resposta nin se motive a súa denegación, se entende concedida a petición por silencio administrativo. Deste xeito, os populares comunicáronlle ao Goberno local que hoxe se ían personar no Concello para ver esa documentación pedida hai case tres meses. A sorpresa, explican os populares, foi que despois dunha hora esperando o Goberno local respondeu que se trataba dunha información que manexa a rexedora e que esta non quixo entregar.

 

Unha situación “extremadamente grave”

A gravidade dos feitos é de tal magnitude que ante unha solicitude do PP para obter unha certificación urbanística dos terreos da fortaleza, un asunto de interese xeral, non solo segue sen entregarse senón que aplicaron a ordenanza fiscal de 50 euros de forma incorrecta, posto que non se solicitou unha licenza de obra.

 

Desde o PP precisan que se pediu unha xustificación, posto que non se reclamou unha licenza de obra e que a rexedora aclare ademais se o que se fixo foi unha tramitación preferente, posto que o Grupo Municipal do PP non está informado destas xestións.

 

A este despropósito súmase o incumprimento por parte do Goberno local do acordo plenario en aras á transparencia no que se acordaba que se dera cumprida conta do programa Xestiona ata que impediron o acceso directo á información.

 

Amais de facer esperar ao PP por unha documentación que non foi entregada, a alcaldesa deulle plantón tamén á comisión de seguimento de contratación. Non apareceu, “unha actitude intolerable para alguén que xestiona os fondos públicos dun Concello”, resumen.

 

A derradeira falta de respecto ao PP

Os populares cren que a rexedora deliberadamente oculta información, polo que se reservan as accións legais e penais correspondentes por negar información pública de xeito reiterado, o que supón a derradeira falta de respecto e consideración co Grupo Municipal do PP e con todos os veciños e veciñas aos que representa.

 

“Esquecen que están ante un Goberno minoritario, que abusa de prácticas escurantistas e, polo que parece, ten moito que esconder para non cumprir coa Lei”, conclúen.