LUGO, 18 de abril de 2017.- O Partido Popular de Lugo celebrará o congreso local o vindeiro 26 de maio. Así o anunciou esta tarde a presidenta provincial do Partido, Elena Candia, que estivo acompañada do actual responsable deste órgano, Jaime Castiñeira. Deste xeito, tal e como indican os estatutos do Partido, a presidenta proporá a Xunta local que celebrará o xoves, ás 20:30 horas, e que terá como único punto da orde do día a celebración do congreso na data sinalada.
Así, unha vez reunida a Xunta Directiva, esta nomeará a Comisión Organizadora que será a encargada de deseñar a organización deste proceso. Ao congreso está chamados a participar os afiliados da cidade de Lugo. Por tanto, todos os que aspiren á presidencia terán que presentar ante a Comisión un escrito no que declaren a súa intención de ser candidato. Tanto para ser candidato como para poder avalar ou votar no congreso será necesario estar inscrito no censo de afiliados. Deste xeito, todo aquel que o desexe poderá comprobar as súas circunstancias na sede do Partido para votar ou ser elixido.