Partido Popular de Lugo

O PP de Sarria cualifica de “esperpéntico” que a alcaldesa vaia atender a Oficina de Turismo e advírtelle que está poñendo en perigo a declaración de Municipio Turístico da vila

Sarria, 7 de abril de 2017.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria cualifica de “esperpéntico e fóra de lugar” o anuncio feito pola alcaldesa hoxe nos medios de comunicación no que informa de que ela mesma e algúns concelleiros serán quen atendan a Oficina de Turismo durante a Semana Santa. Desde o PP lamentan esta actitude do actual equipo de Goberno e advírtelles que están poñendo en perigo a declaración de Municipio Turístico de Galicia, concedido no ano 2010 á vila, “coas consecuencias nefastas que isto pode traer para o municipio”.

 

Os populares recordan que este título, polo que a localidade recibe unha serie de subvencións da Xunta de Galicia, “conleva unha serie de obrigas, como atender a Oficina de Turismo con persoal cualificado, como se tivo sempre, e a rexedora nin está cualificada nin ten os coñecementos necesarios para atender aos turistas”.

 

Desde o PP puntualizan ademais que a rexedora fai agora este “lamentable anuncio” despois de que os populares denunciasen a súa intención de manter pechada a Oficina de Turismo durante a Semana Santa. Critican ademais “que este fin de semana, que é un dos de máis afluencia de peregrinos, vaia a estar pechada ao público”.

 

Os populares consideran este anuncio do equipo de Goberno “como unha absoluta falta de respecto cara os informadores turísticos e cara aos técnicos de turismo, e sobre todo cara ao sector do turismo do que viven máis de 200 familias na localidade”.

 

A rexedora non cumpre coas súas obrigas na Alcaldía

Desde o Grupo Municipal do PP precisan ademais, que este anuncio da rexedora implica que “vai a deixar de atender as súas obrigas na Alcaldía para atender a Oficina de Turismo de luns e venres 10:00 a 14:00 horas”. Con esta actitude, engaden, “a alcaldesa volve demostrar a súa incapacidade para Gobernar e a imaxe que está dando de Sarria con todas estas actuacións é nefasta”. “É unha falta de respecto absoluto cara os informadores turísticos e cara aos técnicos de turismo que sempre foron persoal cualificado e agora parece que calquera pode atender a Oficina sen ningún tipo de coñecemento”, critican.

 

Desde o PP consideran ademais que o actual equipo de Goberno non se toma as súas obrigas con seriedade e recórdalles que “están gobernando un municipio declarado no 2010 Municipio Turístico de Galicia, o pobo máis grande do Camiño Francés na nosa Comunidade, polo que pasan centro de peregrinos”.

 

Minte unha vez máis, pois agora si que pode levantar o reparo

Os populares poñen de relevo que a alcaldesa tamén anuncie hoxe que levantou reparo de Intervención para a contratación, procedemento aberto desde o mes de outubro. “Isto demostra que era mentira cando dicía que era imposible contratar persoal, porque ao final vai a facelo, o que pasa que chega mal, tarde a arrastras”.

 

Consideran lamentable que “o día no que comeza a Semana Santa anuncie que resolve este problema, cando leva máis de medio ano sen facer nada”. Desde o PP explican que “isto demostra que a alcaldesa mentía, e deixa ver que non había ningún problema legal para solucionar o procedemento, había un reparo de Intervención que se podía levantar como así fixo agora, cando lle interesou, o que pasa é que chega tarde”.

 

Saúdos,

Gabinete de Comunicación