Partido Popular de Lugo

O PP de Lourenzá revela que a alcaldesa perdeu os 35.000 euros da subvención da Xunta para o aparcadoiro do cemiterio de S. Adriano pola “súa deixadez de funcións”

LOURENZÁ, 1 de abril de 2017.- O Partido Popular de Lourenzá revela que a alcaldesa deste municipio perdeu os 35.000 euros da subvención concedida pola Xunta de Galicia para o acondicionamento do aparcadoiro do cemiterio de San Adriano pola “súa deixadez de funcións”. É por este motivo polo que, a voceira popular, Emma Álvarez, cualifica a actuación do Goberno local de “indignante”, pois a rexedora, a sabendas de que se trataba dunha axuda que se distribúe por orde de presentación, ao non ser en réxime de concurrencia competitiva, presentou a solicitude o último día do prazo, o que provocou que os veciños perdesen esta colaboración.

A subvención, tal e como figura na documentación que se adxunta, publicouse no Diario Oficial de Galicia o 27 de xuño de 2016. Concretamente, na orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as aportacións dentro do Plan específico extraordinario nos concellos de Galicia. Deste xeito, para esta actuación, Lourenzá, se houbese actuado “coa dilixencia que procede” e non presentando a solicitude o 27 de xullo (o último día), recibiría a cantidade indicada, tendo que aportar tan só a entidade local 7.350 euros. É dicir, que a administración autonómica sufragaría o 79% mentres que a endidade local tan só o 21% restante.

 

Diante a gravidade da situación, os populares “esixen que a alcaldesa, e incluso o tenente alcalde que semella ser o alcalde na sombra, como xa dixemos noutras ocasións, teñen e deben de dar explicacións aos veciños dos motivos polos que decidiron por vontade propia presentala o último día, correndo así o risco de perdela”. Neste senso, cren que “se trata dun feito sin precedentes, inadmisible e que demostra unha clara incompetencia do actual equipo de goberno, pois non existe outra razón que poida xustificar tanta desidia. Tampouco nos vale que nos digan que pode vir dunha situación herdada”, afirma Emma Álvarez.

 

 

 

0% de execución, cando a obra xa podía estar feita

O acondicionamento do aparcadoiro, precisan, incluíase, ademais, no obradoiro de emprego Serra Cadeira II que foi solicitado polo anterior equipo de goberno, e para o que xa se contaba co permiso de AGADER. É dicir, que a obra estaba en plenas condicións para poder ser executada. Por este motivo, consideran que “o actual Goberno local non só non xestiona, senón que elude a súa responsabilidade. Isto parécenos gravísimo tendo en conta os tempos nos que estamos, e nos que as axudas deben de recibirse de bo grado, pois grazas a elas pódese dotar os veciños de servizos demandados e básicos para eles”, sinala a voceira do PP neste municipio mariñano.

 

E é que, engade a voceira popular, “por se fose pouco, na xustificación do obradoiro do emprego que o consistorio enviou á Xunta de Galicia figura a actuación cun 0% de execución, constando literalmente que “O Concello non quixo facer a obra”. Para o Partido Popular esta cuestión “non é menor, senón que pon de relevo a inutilidade do Goberno local, que non é quen de xestionar algo tan sinxelo como son as subvencións que perciben grazas á colaboración doutras administracións”. “E non o dicimos nós”, puntualizan, senón que así se desprende da resposta dada á pregunta formulada pola voceira popular no Pleno que a Corporación celebrou recentemente sobre este asunto.

 

Descargar pleno en PDF