RIBADEO, 24 de marzo de 2017.- O Grupo municipal do Partido Popular de Ribadeo denuncia publicamente “o despropósito sen precedentes” manifestado polo alcalde deste municipio ao rexeitar a colaboración da Xunta de Galicia, que incluía a entrega de diverso material de loita contra a vespa velutina, e poder así, erradicar esta especie invasora no municipio. Neste senso, os populares consideran que “estamos diante dun grave desinterese”, que demostra que o rexedor, con tal decisión, “está prohibindo, dalgún xeito, que esta especie se poida eliminar neste concello”. “Isto non se entende, sobre todo se temos en conta que os danos son relevantes para a apicultura da zona”, critican.
Por todo elo, o PP de Ribadeo critica notablemente a actitude do rexedor, sobre todo, cando a distribución deste material, formado por pértegas, así como por un equipo de inxección do insecticida se fai, ademais, de xeito gratuito. “Isto é moi grave, afirman, xa que o material ten un custo 0 para as arcas municipais, e supón unha axuda para os afectados”. Diante esta “desidia”, cren que o alcalde debe de dar explicacións públicas aos veciños de Ribadeo e, de xeito particular aos produtores de mel da zona”. E é que “resulta inadmisible que estea priorizando os intereses partidistas por riba dos intereses dos afectados. Só así se entende a actuación do rexedor”, conclúen.
“Insulto institucional”
Ademais de rexeitar a colaboración da administración autonómica, o alcalde declinou asistir ao acto de entrega por parte da directora xeral de Gandeiría, Agricultura e Industrias Alimentarias, Belén do Campo. Isto significa para os populares, “un insulto á colaboración e cooperación institucional”, polo que, cando menos, “tamén debería de dar conta e pedir desculpas públicas”.
Outros concellos si, Ribadeo non
Deste xeito, o grupo municipal do PP lamenta que Ribadeo quede sen este material, cando o sistema está a resultar beneficioso noutros lugares que tamén padecen os efectos da vespa velutina. Concretamente, segundo datos facilitados pola administración autonómica, en 2016 retiráronse ou inactiváronse, a través do opertativo conxunto establecido pola Xunta de Galicia e aos concellos colaboradores; un total de 10.272 niños en Galicia. No Plan de vixilancia e control desta especie invasora, colaboran actualmente o Goberno galego, un total de 100 entidades locais: 40 da provincia de A Coruña, 17 de Lugo, 19 de Ourense e 24 de Pontevedra, sendo así, o seu apoio fundamental para o control deste insecto.