Láncara, 24 de marzo de 2017.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Láncara esixirá no próximo pleno local ao alcalde que aplique as bonificacións na cota íntegra do Imposto de Bens Inmobles (IBI) tal e como establece a lei que regula ata reducións do 90% en bens rurais agrícolas, gandeiros ou forestais e nos casos de familia numerosa, así como bonificacións do 50% en inmobles con enerxía solar instalada.
O voceiro dos populares, Santiago Cubillas, lamenta que o rexedor, o socialista Darío Piñeiro, se dedique a “terxiversar” a realidade e a culpabilizar a anteriores alcaldes populares das regularizacións catastrais que se están a dar en todos os concellos motivadas polo Goberno central cando “el ten nas súas mans a posibilidade de suavizar os impostos que gravan aos contribuíntes e non o está a aplicar”.
Cubillas lembra que xa en novembro de 2015, os populares rexistraron unha moción a través da que solicitaban unha rebaixa dos tipos de gravame tan pronto o permitise o plan de axuste municipal, finalizado en marzo de 2016, e que foi rexeitada polos socialistas. “Visto que a situación económica e social do rural é preocupante e que a lei permite bonificar o IBI, rexistramos de novo una moción esixindo esta rebaixa nos impostos”, explica o voceiro dos populares.
Santiago Cubillas agarda “o voto a favor desta iniciativa” e espera que o rexedor socialista de Láncara “aprenda de concellos veciños, como o do Corgo, onde, por exemplo, as explotacións gandeiras pagan un 90% menos”, exemplifica. “Mentres outros alcaldes se preocupan polos seus veciños, Darío Piñeiro céntrase en botar balóns fóra e acusar á oposición de regularizacións aplicadas a nivel estatal”.
Posta en marcha dun plan de inversións no rural
Santiago Cubillas explica que unha vez aplicada a revisión catastral no concello de Láncara, a que se está obrigado por lei, os ingresos municipais variarán, xa que tributarán inmobles que non tiñan declarado modificacións ou alteracións e deberán pagar tamén outros edificios que antes estaban exentos.
Así, ante esta modificación da recadación municipal, os populares tamén pedirán a través unha moción que a Alcaldía faga pública a variación dos ingresos derivada desta regularización catastral. Como o incremento recaerá sobre todo no rural, dende o Grupo Popular piden que se estude un plan de inversións no rural “o cal está moi abandonado e así compensar aos que contribuíron máis nesta suba dos ingresos municipais”, consideran.