Lugo, 24 de marzo de 2017.- O Grupo Provincial do PP interesarase no vindeiro Pleno da Deputación de Lugo pola situación que está a denunciar a Protectora de Animais en Lugo derivado dun retraso no pago da axuda económica que as administracións provincial e local adebedan á Sociedade e que está a ocasionar unha falta seria de fondos que permitan comprar alimentos para os animais que albergan estas instalacións.
A voceira dos populares na Deputación, Elena Candia, anuncia que o seu grupo rexistrará unha pregunta para a súa resposta na próxima sesión plenaria a través da que pedirán explicacións ao Goberno da institución lucense sobre este retraso no pago de axudas de entorno a 40.000 euros. “Deben explicarnos se é certo, tal e como recollen os medios de comunicación, que se está a dar de xeito intencionado un bloqueo na tramitación da subvención”, precisa.
Candia tamén esixirá en sesión plenaria ao Goberno que preside Campos que axilice estes pagos e pedirá que dende a Deputación “amosen maior interese por a Sociedade e dean o seu apoio para a continuidade da actividade deste centro de acollida e coidado de cans e outros animais ante a situación de dificultade que levan tempo atravesando como consecuencia da saturación polo gran número de animais que foron abandonados e agora se atopan nas súas instalacións”.
Por último, a popular quixo poñer en valor e recoñecer o traballo que realizan os promotores e responsables desta protectora e felicita aos empregados e voluntarios, polo seu fondo compromiso a favor dos animais abandonados, unha labor encomiable que denota gran dedicación e entrega.