Partido Popular de Lugo

O PP de Cervantes solicita que o Concello poña en marcha un Plan de acción real para fomentar a natalidade e loitar contra o despoboamento no municipio

Cervantes, 22 de marzo de 2017.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Cervantes levará ao vindeiro pleno unha iniciativa na que solicitan que o Goberno local poña en marcha un Plan de acción para o fomento da natalidade e para loitar contra o despoboamento no municipio.

 

O voceiro popular, Javier Santín, sinala que “o envellecemento da sociedade galega, o despoboamento de moitas zonas e a baixa natalidade, son seguramente dos problemas máis importantes que afectan á nosa comunidade, a provincia e o noso concello en concreto”. Por este motivo, engaden, “consideramos que o Concello de Cervantes debe tomar cartas no asunto, incorporarse o estudo de iniciativas e tratar esta problemática como realmente prioritaria”

 

Deste xeito, dende o PP propoñen que o Concello leve a cabo unha serie de medidas, tales como, “conceder unha axuda económica directa para cada nacemento que se produza na localidade, axudando así a compra de produtos necesarios para os bebés”. Piden tamén que se poña en marcha un plan de activación de empadroamento, “dirixíndose en primeiro lugar a aquelas persoas que traballan en Cervantes pero seguen empadroadas nos seus lugares de orixe e en segundo lugar a aqueles que se empadroaron en outros lugares por compra dunha vivenda, entre outros, e seguen alí sen estar obrigados”. E solicitan que o Goberno local “inicie os trámites precisos para impulsar a creación dunha Casa Niño, promovidas pola Xunta, propoñendo incluso a cesión e acondicionamento dun local de titularidade municipal”.

 

Os populares tamén consideran fundamental que o Concello “revise as ordenanzas que recollen tributos locais para que se apliquen as máximas bonificacións para as familias numerosas”, apuntan.

 

Por último, dende o PP piden que se contemple nos seguintes orzamentos “unha verdadeira política de emprego intensa e estable na que se inclúa, entre outras cuestións, unha liña de asesoramento e axudas municipais para intentar seducir a empresas, negocios ou autónomos a que se establezan no noso municipio”.

 

Dúas grandes problemáticas contra as que loitar unindo esforzos

 

Dende o Grupo Municipal do PP recordan que segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística a Comunidade Autónoma de Galicia é unha das rexións cun maior índice de envellecemento do país. De feito, no ano 2016, a provincia de Lugo situouse na terceira posición das provincias do territorio español cun elevadísimo índice de envellecemento. “Se a iso lle sumamos que a nosa provincia tamén se sitúa entre aquelas que contan cunha baixa taxa de natalidade, estamos presenciando un grave problema de desequilibrio demográfico para o cal convén aglutinar esforzos das diferentes administracións para acadar un compromiso conxunto de poñerlle freo a esta realidade social”, apuntan.

 

Por este motivo, os populares consideran que se fai necesario aglutinar esforzos para acadar un compromiso conxunto e poñerlle freo a esta realidade social. “É preciso levar a cabo políticas activas tamén dende os Concellos para loitar contra esta problemática”, engaden e recalcan que “as axudas á natalidade non deben quedar soamente nunha achega económica ás familias, senón levar o tema a un análise moito mais profundo e poñelo como moi prioritario nas axendas da política local”, conclúen.