Sarria, 21 de marzo de 2017.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria pedirá en pleno que se recoñeza e “se defenda” por parte do Concello a validez da modificación urbanística que outorga a consideración de solo dotacional á parcela coñecida como Torre dos Batallón.
O PP anuncia que o Grupo Municipal Popular levará unha iniciativa a pleno para que a administración local e a alcaldesa “defendan os intereses xerais do Concello no lugar de protagonizar declaracións sen rigor e que prexudican a Sarria, a quen debería representar e apoiar”.
En concreto, explican que o 20 de febreiro de 1990, o Pleno do Concello de Sarria aprobou unha modificación das normas subsidiarias de planeamento. Este cambio incluía a cualificación da propiedade onde se localiza a torre da fortaleza de Sarria, coñecida como Torre dos Batallón, como un solo dotacional. Os populares engaden que, tres meses máis tarde, en maio de 1990, deuse conta no Pleno da aprobación definitiva da modificación por parte da Comisión Provincial de Urbanismo da Xunta de Galicia.
Ante estas circunstancias, “O Concello de Sarria sempre considerou estes terreos, dende fai 27 anos, como dotacionais”, aseguran os populares, que lamentan as declaracións da alcaldesa socialista que “pon en dúbida dita cualificación, mantida durante case trinta anos, afirmando que o uso do solo podería ser edificable, valorándoo en máis dun millón de euros”. “Non compartimos estes criterios e consideramos que a modificación urbanística do 1990 é válida, xa que a non publicación desta modificación no DOG no seu momento non pode afectar a súa validez”, precisan.
O Grupo Municipal Popular “segue a defender os intereses do Concello, así como o informe feito no 2015 polos servizos técnicos con motivo do expediente para a súa expropiación, polo que elevan a pleno unha iniciativa para que dende o Goberno local se defenda a validez deste modificación urbanística”.
Ademais, a moción do Grupo Municipal do Partido Popular tamén inclúe a proposta de aprobación de “levar adiante de forma inmediata e urxente, a través do correspondente informe xurídico, os trámites oportunos para corrixir, de ser preciso, a non publicación no DOG, do acordo referido”.