Partido Popular de Lugo

O PP advirte que o servizo de catamaráns está en perigo de cara a Semana Santa, posto que o presidente da Deputación non é capaz de sacar adiante a oferta de contratación do persoal

Lugo, 21 de marzo de 2017.- o Grupo Provincial do PP advirte que o servizo de catamaráns da Deputación de Lugo se atopa en perigo desde esta tarde, posto que o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos non foi capaz de sacar adiante a oferta de contratación do persoal que se sometía a votación no Consello de Administración de Suplusa. En concreto, a orde do día recollía a aprobación da convocatoria e proceso de selección do persoal necesario para a tempada do ano 2017 das rutas fluviais.

 

Na reunión os populares sumáronse ás sospeitas do BNG nas que avanzaron que a proposta do equipo de Goberno podía estar a incorrer nunha fraude de lei, é dicir, que pode ser ilegal. O PP considera que as dúbidas do BNG poden estar fundadas, posto que coñecen o funcionamento do servizo ao ter gobernado oito anos co PSOE co que compartiron a dirección e administración da sociedade, polo que a súa postura é chamativa.

 

Na reunión de hoxe os populares pediron que o asunto quedara sobre a mesa á espera de contar cos informes xurídicos precisos que puideran aclarar as dúbidas sobre a legalidade, pero o presidente decidiu forzar a votación, de xeito que a súa proposta non saíu adiante.

 

Desde o PP pídenlle ao presidente que clarifique de xeito inmediato a situación, posto que se trata dun servizo de suma importancia para dúas zonas turísticas destacadas na provincia de Lugo, como son a Ribeira Sacra e a Comarca lucense. Desde o PP acusan ao presidente da Deputación de “improvisación e irresponsabilidade”. “É unha liña de traballo que define a acción de Goberno e que nos parece grave e inadmisible e que imos rexeitar sempre”, precisa Candia.

 

Os populares anuncian que pedirán unha xunta de portavoces urxente para poder clarificar o acontecido hoxe.