Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP da os últimos pasos para permitir que abran as residencias da Deputación de Lugo

Lugo, 20 de marzo de 2017.- A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, avanza que o Grupo Provincial do PP pedirá no próximo Consello de Administración da Sociedade Urbanística Provincial de Lugo, Suplusa, que se celebra mañá, que se inicien os trámites para a súa inscrición no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), como o paso previo e necesario para permitir a apertura das residencias rematadas. Así, os populares demandarán en primeiro lugar o inicio da actividade da residencia de Castroverde, a que se atopa máis avanzada para a súa apertura.

 

O Grupo Provincial Popular afirma que coas súas iniciativas busca exclusivamente desbloquear a apertura dos centros de maiores na provincia, pese aos atrancos que segue a poñer o PSOE. Desde o PP pídenlles tamén apoio aos alcaldes do PSOE para que convenzan ao presidente da Deputación, do seu partido, para que lle dea o enfoque acertado á xestión das residencias.

 

Desde o PP lembran que un dos principais impedimentos para a posta en marcha dos centros de día e residencias da Deputación e que Suplusa se atope inscrita no RUEPSS, posto que non existen centros onde se presten servizos sociais en Galicia que non estean inscritos neste rexistro.

 

O Goberno Provincial do PSOE incluso interpuxo unha demanda contra o PP para recorrer o cambio nos estatutos de Suplusa, unha modificación que promoveron os populares e sen a cal a sociedade urbanística non pode ser prestadora de servizos sociais, o paso imprescindible para abrir as residencias. E non só iso, senón que nese escrito renegaban das residencias e dicían que non tiñan competencias. A sentenza, con data de 2 de febreiro de 2017, rexeita a impugnación dos estatutos da Sociedade para que a entidade poida prestar servizos sociais, tal e como pretendía o equipo de Goberno do PSOE.

 

“A incoherencia é tan evidente que primeiro invisten na súa construción, votan a favor do cambio dos estatutos e despois lévannos ao Xulgado por pretender abrilas e din que non son competentes cando xa teñen gastado 15 millóns de euros en levantalas”, precisa Candia.

 

Modelo de xestión

O empeño do equipo de Goberno da Deputación por poñer atrancos esténdese tamén ao modelo de xestión das residencias. Así, se o equipo de Goberno do PSOE ao principio defendía a necesidade de concertar prazas, agora que todo está encarillado e a Xunta ofreceu a súa colaboración, son os socialistas os que recúan e demandan un convenio para seguir obstaculizando a súa posta en marcha.

 

Desde o Grupo Provincial do Partido Popular lamentan que desde o ano 2010, no que se aprobou a encomenda de xestión das residencias por parte da Deputación de Lugo, o PSOE non fose capaz de crear unha soa praza pública nin articular un modelo de xestión adecuado para os centros de maiores. “O único que lles preocupou foi a utilización política dos nosos maiores e non a creación de prazas nin a posta en funcionamento dos centros”, explica Candia.

 

A voceira do PP lembra que foron os socialistas os que desviaron os fondos precisos a Suplusa para facer esas residencias e os que intentaron realizar unha apresurada dotación de persoal a poucos días dunhas eleccións, no ano 2015. “Tense demostrado que tanto Besteiro antes como agora Campos só querían as residencias para usar como arma política e arroxadiza e non para resolver un problema e unha necesidade dos lucenses”.

 

Descargar audio