Partido Popular de Lugo

O Grupo Municipal do PP da Pobra do Brollón demanda a modificación da ordenanza reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles

A Pobra do Brollón, 20 de marzo de 2017.- O Grupo Municipal do PP de A Pobra do Brollón vén de rexistrar unha moción para o vindeiro Pleno do Concello na que insta ao Goberno local a promover a modificación inmediata da Ordenanza Fiscal reguladora do Imposto de Bens Inmobles que recolla unha redución da carga impositiva incorporando os tipos de gravame do 0,40% en urbano e 0,50% en rústico.

 

O PP pide ademais que se proceda á devolución do importe dos recibos derivados do retraso na regularización catastral dos anos 2012, 2013, 2014 e 2015.

 

O portavoz, Fernando Parada, propón esta modificación que supón unha rebaixa sobre as intencións manifestadas polo Goberno local ao considerar que a presión fiscal derivada do IBI sobre os veciños e veciñas “debe ser menor”.

 

Malia que aparece encadrado como imposto obrigatorio, é dicir, que a entidade local debe cobralo en todo caso, tamén queda reflectida a autonomía municipal no feito de que cada Concello pode ditar normas propias -unha ordenanza fiscal- para regular os distintos supostos potestativos que recolle a lei de facendas locais.

 

Estes tipos de gravame poden ser obxecto de modificación a iniciativa e previa valoración da Corporación Municipal, unha vez evacuados os informes xurídicos e de intervención imprescindibles.

 

A día de hoxe, o Concello de Pobra do Brollón está por enriba da media da porcentaxe de gravame de IBI dos bens inmobles urbanos e rústicos de toda Galicia (0,66% urbano e 0,86% rústico).

 

Nos últimos tempos, distintos concellos, entre os que se atopa o de Pobra do Brollón, están a verse afectados por sucesivos procesos de revisión e regularización catastral que, como resultado práctico, incrementan o valor dos bens ou incorporan novos inmobles gravados por este imposto. Como consecuencia, o aumento do valor catastral incrementa o importe final de IBI, posto que é a base a partir da cal se calcula el imposto.

 

Co obxecto de proceder a unha rebaixa da carga que para as veciñas e veciños supón este imposto, o Grupo Municipal Popular considera conveniente instar ao Goberno local a promover a reforma da súa ordenanza reguladora, incorporando os máximos beneficios posibles.

 

Cómpre salientar, ademais, explican desde o PP, que esta reforma non prexudicará ao Concello, porque a recadación do IBI se mantería practicamente estable xa que á baixada do gravame estaría compensada polo aumento do valor catastral, garantindo o mantemento dos servizos que se prestan polo Concello.