Guitiriz, 16 de marzo de 2016.- O voceiro do Partido Popular de Guitiriz, Xosé María Teixido, quixo agradecer esta mañá o compromiso e o esforzo que a Xunta de Galicia, que preside Alberto Núñez Feijóo, está a facer na mellora dos centros educativos da localidade.
O voceiro dos populares locais fixo estas declaracións tras a visita do delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Baleiro, ao CEIP de Lagostelle, durante a que anunciou que a administración autonómica está a redactar o proxecto técnico para a mellora enerxética do centro, cuxas obras comezarán previsiblemente este verán.
Teixido destaca a “importancia e a necesidade” deste investimento no CEIP Lagostelle de Guitiriz por un importe de en torno a 467.000 euros que permitirán unha mellora do illamento térmico do centro e garantir un aforro enerxético. “É unha actuación que se demandaba e que traerá beneficios tanto económicos como a hora de ofrecer unhas mellores condicións de estudo ao alumnado”, precisou.
O voceiro dos populares asegura que a “Xunta de Galicia de Feijóo leva dende o ano 2009 demostrando o seu compromiso con feitos e implicándose cos nosos centros educativos, tanto de primaria como de secundaria, en obras tanto exteriores como de reformas das aulas e doutras instalacións como a da cociña”. Así, Teixido puxo en valor que o Goberno galego leva destinado tanto ao CEIP Lagostelle, como ao CEIP Santo Estevo Parga e ao IES Poeta Díaz Castro máis de 710.000 euros.
Investimento da Xunta de Galicia
“A educación é unha prioridade e o investimento nos centros educativos unha necesidade que sempre demandamos dende o PP local e que a Xunta de Galicia atendeu, poñendo de manifesto un traballo serio e rigoroso”, precisa.
O popular lembra outras actuacións sufragadas pola Xunta de Galicia no CEIP Lagostelle como é o arrando da instalación eléctrica no 2009, que supuxo un investimento superior aos 20.000 euros; a redistribución e arranxo dos baños na planta baixa por un importe de preto de 50.000 euros; ou o arranxo da cuberta, a substitución do depósito de gasoil, a reforma da sala de caldeiras no sistema de calefacción, así como a execución de ramplas e mesmo a pavimentación de aulas.
“Dende o Goberno local poñemos en valor este forte compromiso e agradecemos de novo a atención da Xunta de Galicia ás demandas da comunidade educativa e do alumnado”, reitera Teixido, quen engade tamén obras noutros centros educativos como é a reforma na instalación eléctrica e substitución do peche do recinto na parte frontal do CEIP Santo Estevo de Parga; e montaxe de mamparas no IES Poeta Díaz Castro; onde tamén se remodelou a cociña e se fixeron outras amplas reformas.