Láncara, 7 de marzo de 2017.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Láncara vai rexistrar un escrito no Concello para demandarlle ao Goberno local que convoque “á maior brevidade posible” unha reunión cos afectados pola construción do parque eólico Montes de Abella, nas parroquias de Vilouzán e Cedrón, para aclarar todas as dúbidas que este proceso conleva para os veciños e veciñas. Así, o PP solicita que na reunión, ademais do Goberno local e a veciñanza afectada estea tamén a empresa encargada que o vai executar, Inverólica Abella.
Os populares consideran que se trata dun proceso que vai traer consigo cambios non só no monte público do Concello, senón en terreos particulares e montes de comunidades veciñais, polo que explican que “ante o importante número de afectados” o Goberno local debe levar a dianteira e proporcionar toda a información precisa sobre este proxecto.
O voceiro do PP de Láncara, Santiago Cubillas, precisa que a construción deste parque supón un proxecto “moi positivo” para a localidade ao entender que redundará en ingresos para a localidade derivados da licenza que a empresa terá que aboar no Concello, así como polo pagamento do IBI.
“Unha vez que o proxecto está en marcha, agora cremos que é o momento de que o Concello asuma unha actitude activa para que todos os afectados poidas coñecer os prazos de execución, os planos, as ubicacións de xeito detallado ou os camiños que se van facer”, indica Cubillas. Engade que, tanto para os veciños e veciñas como para o Goberno local é moi importante coñecer as afectacións deses traballos e os deslindes que se van levar a cabo.
O Grupo Municipal do PP cre que o Concello ten que poñerse do lado dos afectados e satisfacer todas as súas dúbidas, polo que pide que de maneira inmediata se convoque esa reunión e se lle dea a difusión suficiente para que poidan acudir todos os interesados.