Partido Popular de Lugo

Elena Candia afirma que o PP defenderá que os Presupostos da Deputación garantan unha contía de 20 millóns de euros para colaborar cos concellos de xeito equitativo

Lugo, 7 de marzo de 2017.- A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, afirma que o seu Grupo defenderá e intentará garantir que os Presupostos da Deputación para 2017 inclúan unha contía real de 20 millóns de euros para colaborar cos concellos. A popular fai estas declaracións o día no que o Goberno Provincial lles fixo entrega do borrador de Presupostos para este ano, unha documentación que o PP estudará de xeito pormenorizado desde hoxe.

 

O Grupo Provincial Popular valora o ton de diálogo amosado hoxe polo presidente, pero non pode esquecer actitudes anteriores alonxadas da conciliación e o consenso, polo que buscarán que ese compromiso cos concellos sexa real e non un brinde ao sol. Os populares avogan por facer un esforzo por recuperar a normalidade que tanto precisa a institución e continuar a boa sintonía que se alcanzou nas contas do ano 2016.

 

Cando o PP presentou a súa proposta para un plan único no Pleno do mes de decembro o BNG decidiu sumarse, polo que o Grupo Provincial Popular agarda agora contar de novo co apoio dos nacionalistas para que a Deputación inclúa nos Orzamentos esa iniciativa dirixida a melloras a colaboración con todos e cada un dos concellos, nos que se trate equitativamente a todos os municipios e que permita que a institución provincial cumpra coas súas competencias.

 

Importancia de lograr o consenso

Elena Candia recórdalle ao presidente da Deputación, o socialista Darío Campos, que unha abstención do BNG non lle facilitaría a aprobación dos Orzamentos, polo que lle pide que se esforce por lograr un apoio real no que estean implicados todos os grupos, posto que polo de agora os nacionalistas só teñen dito que facilitarían a aprobación, non que votarán a favor.

 

Numerosas achegas en positivo

O Grupo Provincial Popular lembra que ten feito ao longo destes meses numerosas achegas “en positivo” para que os concellos reciban un trato equitativo, entre elas a posta en marcha dun plan único de colaboración coas administracións locais cinguido a criterios obxectivos e máis ambicioso coa integración de todas as liñas de axuda existentes.

 

Desde o PP defenden a necesidade de garantir que os 20 millóns de euros que integrarían o plan único de colaboración deben estar destinados aos concellos e aglutinar as distintas liñas de axudas existentes, así como incluír outras novas, converténdoo así en máis ambicioso e guiándose sempre por criterios obxectivos e que respondan ás verdadeiras necesidades das administracións locais e dos veciños e veciñas da provincia.