Partido Popular de Lugo

Candia avoga por un “pacto de todos” para mellorar a Sanidade e destaca os máis de 100 millóns de euros investidos pola Xunta nos hospitais provinciais

LUGO, 6 de marzo de 2017.- A presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia, destacou esta tarde, no foro organizado pola Comisión de Sanidade que dirixe a concelleira do concello de Lugo e deputada autonómica, Encarna Amigo, a necesidade de “non ser conformistas coa xestión clínica”. Neste senso, avogou pola necesidade dun “pacto de todos” para seguir avanzando no sistema. “Na Sanidade non caben reformas simples, nin tópicos ideolóxicos… o que cómpre é un pacto de todos, que xurda dun debate político serio, pois o sistema sanitario ten que estar asentado na equidade, na universisalidade e mesmo na solidariedade”, defendeu.

 

Con todo, a dirixente desta formación política dixo que “é importante tamén facer memoria e ser conscientes da realidade que temos”. Elena Candia fixo esta valoración en relación ás manifestacións coas que se pretende cuestionar continuamente a Sanidade, poñendo en valor así o compromiso que a Xunta de Galicia está a ter coa Sanidade lucense dende que Feijóo acadou a presidencia en 2009. “Fronte a algúns que levan anos deteriorándoa, dicindo incluso que o único que hai son recortes, o Goberno galego protéxea e incluso a prioriza no seu programa de investimentos. Faino con proxectos importantes ou, máis recentemente, recabando os apoios necesarios para a revitalización do barrio da antiga residencia”, afirmou.

 

E é que o Goberno galego leva investidos nos últimos 8 anos, na mellora dos hospitais provinciais, máis de 100 millóns de euros; ou o que é o mesmo, máis de 12 millóns en cada exercicio. Estes distribúense do seguinte xeito: 60 millóns de euros para o HULA, “o buque insignia dos nosos hospitais e un hospital de primeira división”, segundo indicaron Candia e Amigo; 25,8 millóns no equipamento do mesmo; 20 millóns na ampliación do Hospital da Costa e 400.000 euros na mellora das instalacións do de Monforte de Lemos.

 

A isto hai que engadir, precisou a responsable da Comisión organizadora, o aumento da carteira de servizos, incrementando a súa capacidade e a súa autonomía de acción, grazas á posta en funcionamento da sala de hemodinámica ou de servizos tan necesarios como os de Radioterapia e Medicina Nuclear.

 

“A pesares da herdanza recibida, cunha débeda tremenda, o Goberno de Feijóo foi incrementando en cada ano a súa aportación para mellorar o sistema sanitario galego. Tal é así que hoxe, 8 de cada 10 euros do orzamento da Xunta, son para a Sanidade, a Educación e os Servizos Sociais dos galegos. E é que, ademais, 7 de cada 10 galegos teñen no seu contorno un centro de saúde novo ou reformado”, subraiou a tamén deputada autonómica.

 

Achegar a Sanidade aos cidadáns

O Partido Popular organizou este foro co fin de trasladar a Sanidade que temos ao conxunto da cidadanía, pois “cremos que teñen que ser os profesionais os que mellor o poden facer, e os partidos tan só somos un instrumento e a ponte para propiciar este tipo de reflexións”, destacou Encarna Amigo.

 

Para elo contouse coa participación dos xefes de Cardioloxía e Oncoloxía do HULA, os doutores Carlos González Guanatey e Sergio Vázquez Estévez, respectivamente. “Os médicos son unha pedra angular do sistema. A súa axuda é necesaria para que os temos e teñen responsabilidades de goberno poidan seguir cuidando a saúde das persoas, xa que a xestión clínica, precisou a presidenta provincial, non é outra cousa que outorgar responsabilidades aos profesionais sanitarios, sempre dende o respecto á súa competencia e autonomía”.

 

A organización deste encontro, que se desenvolveu no hotel Méndez Núñez, complementa o traballo que se leva facendo dende o Partido Popular para atender as demandas dos lucenses. Así se fixo con outras materias como a Educación e o emprego, coa posta en marcha do I Congreso Provincial de Educación ou a reunión con autónomos da provincia, celebrados no pasado mes de febreiro, ou as reunións mantidas con diversas asociacións da provincia.