SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 de marzo de 2017.- A presidenta provincial do Partido Popular de Lugo, Elena Candia, puxo en valor o papel dos concellos para que “a igualdade sexa real e efectiva”. A máxima dirixente do PP lucense reivindicou así o papel da xestión local para que este dereito “pase da teoría á práctica”. Fíxoo durante a mesa-debate “Avanzando en Igualdade nos concellos galegos”, que foi moderada por ela mesma, e que se incluiu no programa de actos co que o PP de Galicia conmemorou este sábado o Día Internacional da Muller.
Concretamente, Elena Candia subliñou que “igualdade e liberdade son dous dereitos fundamentais, básicos”, ao tempo que sinalou que “o dereito á liberdade debe presupoñer o dereito fundamental á igualdade, á igualdade de xénero, de oportunidades e de trato. Con isto quero destacar que non podemos falar de igualdade noutro contexto que non sexa a liberdade”.
Neste cometido, e antes de dar a palabra aos alcaldes de Ourense, Moraña, Santa Comba, e Cercedo; Jesús Vázquez, Luisa Piñeiro, María Josefa Pose e Jorge Cubela, respectivamente, indicou, que “é fundamental arbitrar medidas que garantan a plena incorporación da muller en todos os ámbitos da vida, que acaben coa discriminación salarial, e que fagan efectiva unha verdadeira conciliación da vida persoal, familiar e profesional”. Así, puxo como exemplo as políticas impulsadas en Mondoñedo dende que ela é alcaldesa.
Neste senso, destacou que se están a desenvolver outras medidas “que dan mostra do compromiso temos con este asunto”. Nesta anualidade, a entidade local concederá axudas económicas para fomentar a natalidade. “É dicir, por unha banda, loitamos contra a despoboación, e, pola outra, favorecemos a conciliación”, subraiou.
Tamén se revisarán as ordenanzas que recollen tributos locais para que, respectando o plan de axuste do concello, se aproben bonificacións para as familias numerosas. Ademais, e grazas á colaboración da Xunta de Galicia, e a través do Centro de Información á Muller, ofrécese asesoramento psicolóxico e xurídico ás mulleres vítimas da violencia de xénero, así como aos seus fillos. Este sitúase en Mondoñedo, pero tamén abarca e presta servizo aos concellos de Abadín, Lourenzá, A Pastoriza e Riotorto. No centro traballan 3 persoas e todas son mulleres: a directora, unha psicóloga, unha asesora xurídica e unha axente de igualdade.
Por outra banda, Mondoñedo está adherido á Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, co fin de lograr, sinalou Elena Candia, “esa tolerancia cero tan necesaria ao maltrato feminino”.
Acto en Mondoñedo
O presidenta provincial reivindicou que “as mulleres temos que formar parte equitativa de todos os órganos de decisión para que aportemos experiencia, coñecemento e capacidades, porque non somos superiores aos homes, somos iguais”. “Xa o di o artigo 14 da Constitución Española: “los españoles son iguales ante al ley, sin que pueda prevalecer discriminación alguna por razón de nacimiento, sexo, raza, religión, opinión o cualquier otra condición o circunstancia personal o social”, puntualizou.
Con este obxectivo de recoñecemento e de agradecemento ao seu labor e esforzo, anunciou que o vindeiro sábado, 11 de marzo, dende o PP de Lugo levarase a cabo un acto en Mondoñedo. Este celebrarase na Casa da Xuventude e contará coa participación de destacadas personalidades vinculadas á xestión das políticas sociais e de igualdade.
Acto clausurado por Feijóo
Previamente, á participación da alcaldesa de Mondoñedo, desenvolveuse a xornada “Avanzando en Igualdade no Goberno Autonómico”, que estivo dirixida polo presidente de Novas Xeracións, Diego Gago, e contou coa intervención dos conselleiros de Política Social e de Medio Rural, José Manuel Rey e Ángelez Vázquez, respectivamente; así como da Delegada Territorial de Ourense, Marisol Díaz Mouteira.
Finalmente, o acto que foi clausurado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, ás 13:00 horas, incluiu unha última mesa-debate, denominada “Avanzando en Igualdade nas Institucións. Neste caso, a vicevoceira e presidenta da Comisión de Igualdade do Parlamento de Galicia, Paula Prado, foi a encargada de moderala. Nela interviron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; a secretaria de Estado de Economía, Irene Garrido Valenzuela; o voceiro do Grupo Popular no Senado, José Manuel Barreiro; o voceiro do Grupo Parlamentario Popular, Pedro Puy Fraga; e a vicevoceira no Congreso dos Deputados, Marta González.