LUGO, 3 de marzo de 2017.- O Partido Popular de Lugo, que lidera Elena Candia, dá un paso máis no obxectivo de achegar o partido a todos e de coñecer as principais fortalezas e debilidades tanto dos distintos axentes sociais e económicos, como dos sectores que operan na sociedade. Desta volta, o tema que se someterá a debate será a Sanidade lucense, e farase nun acto que terá lugar o vindeiro luns, 6 de marzo, no Hotel Méndez Núñez, e no que participarán os recoñecidos expertos e profesionais das áreas de Cardioloxía e Oncoloxía, Carlos González Guanatey e Sergio Vázquez Estévez, respectivamente. Deste xeito, tal e como subliña, a responsable da Comisión de Sanidade, Encarna Amigo, “queremos que sexan os profesionais responsables dos servizos, verdadeiros coñecedores do seu funcionamento, os que transmitan de primeira man como funcionan os mesmos”.
O foro, organizado dende área que dirixe a tamén concelleira no concello de Lugo e deputada no Parlamento de Galicia, dará comezo ás 20.30 horas. O obxectivo do mesmo radica na necesidade de coñecer de primeira man os problemas existentes no sistema para darlles unha solución e ser un instrumento de colaboración con eles. Está aberto a especialistas e persoal sanitario, pero, sobre todo, a calquera persoa que poida estar interesada.
“O que pretendemos é establecer un diálogo para lograr unha xestión áxil e sostible de todos os servizos sanitarios”. E para iso, engade Encarna Amigo, “cremos que son necesarios debates coma este, pois a Sanidade nunca pode ser obxecto de confrontación, senón que debe de ser defendida entre todos. E neste cometido, os partido políticos estamos para impulsar medidas que contribúan a garantir plenamente a asistencia sanitaria, pública, equitativa e de calidade”, incide.
Para a presidenta do PP, quen ademais de agradecer aos organizadores o traballo levado a cabo para o desenvolvemento deste foro, que esta iniciativa “vexa a luz é unha mostra de que dende o partido apostamos claramente polo fortalecemento da nosa Sanidade”. A este respecto, lembra que foi o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o que puxo enriba da mesa na Conferencia de Presidentes de xaneiro, o financiamento do sistema; unha cuestión tan crucial para Galicia, e mesmo para España, pois representa máis do 40% dos Orzamentos das Comunidades pero que ameaza con superar o 50% a medio prazo.
Currículo dos ponentes
Tanto Elena Candia como Encarna Amigo destacaron “a profesionalidade e calidade dos dous intervintes”. Juan Carlos González Guanatey é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela e doutor na mesma especialidade pola de Cantabria. Experto en Ecocardiografía Avanzada pola Sociedade Española de Cardioloxía, dende 2008 é o xefe do servizo de Cardioloxía do Hospital Lucus Augusti. Neste mesmo centro, tamén é o responsable de Investigación do HULA dende 2013. Asemade, é o presidente da Sociedade Galega de Cardioloxía, e conta con destacadas publicacións tanto en revistas sanitarias internacionais como nacionais.
Sergio Vázquez Estévez é licencidado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Dende 2011 é médico adxunto de Oncoloxía Médica do Hospital Universitario Lucus Augusti e, dende 2012, coordinador deste mesmo servizo no HULA. Ao igual que González Guanatey conta cunha dilatada experiencia profesional e numerosas publicacións relacionadas coa materia da que é especialista.
Intenso traballo
A organización deste encontro non é unha actividade illada dentro das liñas estratéxicas do Partido Popular de Lugo, senón que complementa o traballo que se leva facendo neste campo nos últimos meses. Como exemplo deste importante e intenso labor foi o I Congreso Provincial de Educación ou a reunión con autónomos da provincia, celebrados no pasado mes de febreiro, así como as reunións mantidas con diversas asociacións da provincia.