A Fonsagrada, 3 de marzo de 2017.- O Grupo Municipal do Partido Popular da Fonsagrada pide que o novo albergue de peregrinos da localidade leve o nome do sacerdote Ramón Rodríguez Mondelo. O voceiro dos populares, Tobías Martínez, explica que dende o Grupo Popular rexistrarán unha moción dirixida ao alcalde para que o Concello realice as xestións oportunas e se dirixa á Dirección Xeral do Xacobeo para solicitar que, ante a próxima inauguración do centro de atención e albergue de peregrinos no edificio Casa Pasarín, este sexa bautizado co nome dun “dos máximos valedores desta ruta Xacobea”.
Tobías Martínez considera que é “de xustiza este merecemento a D. Ramón, quen sen dúbida foi o principal impulsor do Camiño Primitivo”, unha loita, engade, “á que máis tarde se uniron outros estudosos e amantes do Camiño”. O popular explica que o sacerdote, “dedicou moitos anos á proxección do Camiño Primitivo, foi unha loita constante e con total falta de medios, unha vez que viu pasar uns poucos peregrinos pola Fonsagrada cara a Santiago”.
“Dende aquela loitou por darlle un pulo a esta ruta”, asegura Martínez, ata o punto de que “lle debemos o primeiro albergue do Camiño Primitivo de Santiago, situado en Padrón”. Por isto, “e tendo en conta que tamén hai unha demanda veciñal para que o albergue leve este nome, rexistraremos esta iniciativa na que instamos ao alcalde a que se dirixa ao departamento con competencias neste eido da Xunta de Galicia para que teñamos na Fonsagrada o albergue Ramón Rodríguez Mondelo”, situado nunha edificación que forma parte do patrimonio cultural do municipio, localizada en pleno casco vello da localidade e no propio Camiño Primitivo que conduce a Santiago de Compostela.