Partido Popular de Lugo

Ángeles Vázquez expón en Lugo que a Xunta xestionou nos 100 primeiros días de mandato case 400 millóns de euros para o agro galego

LUGO, 2 de marzo de 2017.- A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, expuxo esta tarde, no transcurso da reunión que a Xunta Directiva Provincial do PP celebra cada mes, e que estivo presidida pola presidenta desta formación política, Elena Candia, as políticas que está a levar o Goberno galego para impulsar o sector agrogandeiro. Concretamente, indicou que o Goberno galego do Partido Popular xestionou nos cen primeiros días deste mandato un total de 393,5 millóns de euros con destino ao agro galego. Estes fondos oriéntanse á consecución dos grandes obxectivos da Xunta para o medio rural, que pasan por fixar poboación e reducir a diferenza entre as rendas agrarias e as urbanas, procurando unha dinamización diversificada da súa economía.

 

A maior parte destas achegas, orientadas precisamente a garantir unha renda digna dos agricultores e gandeiros, son as da Política Agraria Común (PAC), que a Consellería do Medio Rural xestionou coa máxima celeridade para que 33.000 beneficiarios perciban un total de 190 millóns de euros.

 

Outro instrumento fundamental para acadar os devanditos obxectivos vén dado polos 24 grupos de desenvolvemento rural (GDR), que cobren a totalidade do territorio galego e que iniciaron a súa andaina nestes primeiros cen días de goberno do PP na Xunta. No anterior período Leader, os GDR propiciaron a consolidación de 4.949 postos de traballo e a creación doutros 957 novos empregos no rural.

 

Na liña de dinamizar e diversificar a economía do agro, o Goberno galego destina este ano 5,5 millóns de euros a apoiar a posta en marcha de actividades non agrícolas no rural. Esta medida fixo posible que se crearan en 2016 máis de 20 empresas e se melloraran outras 60, fomentando e consolidando uns 350 postos de traballo e creando máis de 100.

 

En parecidos termos, coa mesma filosofía de fomentar o emprego no rural, Medio Rural incrementa en 2017 nun 9,6% o orzamento para impulsar a transformación das nosas producións agrarias, pasando de 25 millóns de euros a 27,4 nesta convocatoria, cun especial impacto positivo no sector lácteo. No mes de xaneiro pasado presentáronse a estas axudas 185 solicitudes cun investimento previsto de 128,6 millóns de euros.

 

A todas estas achegas hai que sumar as destinadas ao sector forestal, que tamén acada un un peso moi destacado na economía galega, coas súas 3.000 empresas que proporcionan máis de 70.000 empregos. Polo tanto é primordial preservar as masas forestais e por ese motivo a Xunta destina a valorización do monte máis de 49 millóns de euros este ano.

 

Fondos para Lugo

Lugo, pola súa vocación agrogandeira, ten un peso fundamental no reparto provincial de fondos para o rural, en especial no ámbito da transformación de produtos agroalimentarios. Así, das 185 solicitudes recibidas este ano pola consellería para fomentar esta actividade, 48 son desta provincia, o que supón case o 26% de toda Galicia. Máis significativo aínda é o investimento previsto con estes proxectos, 63,5 millóns de euros que supón o 50% do total. Esta cuestión cobra importancia no ámbito lácteo, cun importante peso nas mencionadas axudas de 30,7 millóns de euros.

 

En relación coas achegas da PAC, en 2016 un total de 12.400 gandeiros e agricultores da provincia de Lugo percibiron máis do 48% das axudas do primeiro piar en Galicia. Preto de 101 millóns de euros dos 208 totais. No caso do segundo piar, Lugo concentra o 64,5% do total de Galicia, é dicir, 20 dos 30 millóns de euros das axudas destinadas a agricultura ecolóxica, agroambiente e clima, e zonas de montaña ou con limitacións naturais.

 

No eido do desenvolvemento rural, para o período 2014-2020 disponse dun orzamento do Leader para toda Galicia de 84 millóns de euros, dos cales, e de xeito inicial, 24,2 millóns corresponden a Lugo, repartidos entre os 6 GDRs desta provincia, que abranguen a totalidade do territorio.

 

En canto á remuda xeracional no agro, o cambio de tendencia, no sentido de mirar para o rural como marco ideal para vivir e traballar, é imparable. Iniciouse a lexislatura aprobando 582 expedientes de persoas que queren investir na modernización das súas explotacións, das que 280 son da provincia de Lugo. Representan o 48% do total e percibiron máis de 16 millóns de euros dos case 36 postos a disposición do rural galego, o 45,3% do dato global da comunidade. Ademais, 618 mozos vanse incorporar laboralmente por primeira vez á vida rural. O 43% destes mozos, 268, pertencen a concellos da provincia luguesa e percibirán como apoio 9,8 millóns, o 40% do total para Galicia, 24,3 millóns de euros.

 

Eucalipto

Co fin de poñer en valor a produción forestal de Galicia, en particular no que se refire ao cultivo do eucalipto, a Xunta traballa nun decreto específico que está a ser consensuado co sector. O que se pretende con esta norma é preservar a identidade forestal daquelas zonas nas que apenas hai eucalipto ou daquelas outras nas que esta especie ten escaso rendemento económico. Tamén, regular e limitar as novas plantacións deste xénero, buscando harmonizar o seu aproveitamento económico co coidado da diversidade e o medio ambiente.

 

Trátase fundamentalmente de ordenar as repoboacións forestais con eucaliptos en zonas onde non hai tradición, buscando tamén acadar unha xestión sustentable das masas de frondosas caducifolias e controlar a expansión das especies forestais invasoras como é o caso das acacias e robinias. A norma é unha clara defensa da coexistencia de diferentes cultivos, rexeitando o monocultivo de calquera especie e moi especialmente do eucalipto.

 

Couza da pataca

A Xunta e o Goberno de España traballan tamén no control da expansión da couza guatemalteca da pataca, que afecta 31 concellos da Mariña de Lugo, Ferrolterra e Ortegal. Neste senso, mañá mesmo está previsto que o Consello de Ministros aprobe un decreto para afondar nesta materia, que se fai a nivel nacional porque a praga está presente en varias comunidades autónomas. A seguir, a Xunta publicará unha orde de axudas para os afectados e unha resolución para reforzar a coordinación nestes traballos, que xa se mantén tanto cos agricultores como con almacenistas e coas administracións implicadas, en especial os concellos. Diante deste problema cómpre aplicar medidas drásticas, malia que poidan ser impopulares, como a prohibición de cultivar nas zonas afectadas.

 

Destacados asistentes

Na xuntanza, presidida por Elena Candia, participaron, ademais dos integrantes da Xunta Directiva Provincial e de Ángeles Vázquez, alcaldes, voceiros e deputados provinciais e autonómicos, o delegado Territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, este último membro deste órgano directivo.