Lugo, 1 de marzo de 2017.- O Grupo Provincial do Partido Popular sacou está mañá adiante, por unanimidade, a iniciativa plenaria a través da que esixiu que a Deputación de Lugo adopte, “de maneira urxente e inmediata” unha solución para que o persoal do Servizo de Recadación poida desenvolver o seu traballo nun espazo que reúna as condicións de saúde e seguridade laboral axeitadas.
Os populares lamentan que a Deputación de Lugo sexa a peor pagadora de todo o territorio español como así demostran os datos do informe do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas de novembro de 2016 sobre o período medio de pago das entidades locais. “É o que conseguiu a deputada de Economía, Recadación e Facenda, o seu logro, ademais de evidenciar que descoñece o tema da Cámara e dos seus traballadores e que, o que é máis preocupante, o PSOE non ten folla de ruta sobre o seu futuro.
Un local que non cumpre os requisitos
O persoal adscrito a este servizo da Deputación desenvolve as tarefas que lle son encomendadas ao seu posto nunhas dependencias alugadas na rúa Tui, que non reúnen os requisitos legais en materia de saúde e seguridade laboral. Un informe elaborado por Traballo e Seguridade Social indica deficiencias en aspectos tales como falta de mantemento da estancia, unha dimensión do local inadecuada así como problemas nos sistemas eléctrico, térmico e de ventilación.
O vicevoceiro do Grupo Provincial do Partido Popular, Carlos Armesto, explicou esta mañá durante a sesión plenaria que “non impoñemos un lugar. Só esiximos unha solución rápida e que haxa vontade política de corrixir esta situación, pensando no dereito dos traballadores para prestar os seus servizos nas condicións axeitadas”.
Incapaces de aclarar o que queren
Armesto lamentou que trala sesión plenaria celebrada esta maña “quedou demostrado que o Goberno socialista non ten un proxecto claro para albergar as instalacións do Servizo de Recadación. Foron incapaces de aclararnos o que queren: que os traballadores se trasladen ao Fogar de Santa María, adquirir a Cámara do Comercio ou que, pola contra, continúen onde se atopan actualmente”.
O vicevoceiro di que “deben tomar medidas xa e deixar de escudarse en informes xa que transcorridos un ano e catro meses dende que o actual Goberno socialista asumira de novo responsabilidades de Goberno, os traballadores continúan nas mesmas condicións, pese ás promesas e ás accións anunciadas a día de hoxe non se cumpriron”.
Armesto lembrou que en setembro de 2015, os socialistas pediron a través dunha moción o mantemento do proxecto definido polo anterior Goberno de Besteiro para reubicar o Servizo Provincial de Recadación no Fogar de Santa María. Este proxecto non contaba co orzamento suficiente para acometer as obras que requiría este edificio dando cumprimento á normativa vixente e, ademais, tivo informes desfavorables do Concello de Lugo.
Posteriormente, os socialistas fixeron público un acordo coa Cámara de Comercio para mercar este edificio e albergar nel o Servizo de Recadación, porén “sabemos que finalmente decidiron prorrogar o aluguer na rúa Tui e aprazar o seu traslado a outras dependencias. E hoxe seguen sen ter nada claro”, lamentou o popular.
Apoio ao servizo ferroviario FEVE
O Grupo Provincial do Partido Popular puxo de manifesto esta mañá o compromiso do PP para que se “intensifique e se apoie o servizo ferroviario FEVE”. Así, “a prol da defensa destes servizos en Galicia e, especialmente na Mariña” o Grupo Popular votou a favor da iniciativa presentada polo BNG para o mantemento deste servizo con calidade. Os populares tamén matizaron a iniciativa do BNG e pediron que no punto de acordo se incluíse a elaboración de estudos previos de cara a solicitar do Goberno do Estado a transferencia do Servizo Ferroviario de Ancho Métrico. “Debemos ser rigorosos e non se pode solicitar esta transferencia á Xunta de Galicia sen coñecer o seu custe e o alcance que implicaría”, considerou o deputado popular, Demetrio Salgueiro.
Salgueiro tamén indicou que o BNG “mente nas súas explicacións” e aclarou que o “Ministerio de Fomento aporta cada ano o financiamento necesario para estes servizos en Galicia, tanto é así que garantir unha adecuada mobilidade dos cidadáns é unha prioridade para o Goberno central”.
Dun xeito máis concreto, o deputado popular deu datos de investimentos. Por exemplo, o gasto de explotación realizado por ADIF no 2016 na rede de ancho métrico galega foi de 6 millóns de euros e actualmente están ultimando o novo prego para toda a rede convencional co obxecto de contratar actuacións de mantemento e inversión, mentres tanto, licitáronse contratos ponte nos que os niveis de gasto de inversión e explotación son os mesmos que dos contratos actuais; en Asturias e Galicia é de 2.336.695,92 € (IVA incluído). Mencionou ademais diversas actuacións en estacións.