Lugo, 1 de marzo de 2017.- O Grupo Provincial do Partido Popular impulsou a aprobación dun acordo para que as administracións implicadas tomen as medidas precisas para que non se estenda a praga da couza da pataca. Na moción do PP, á que se sumou unha do PSOE e unha engádega do BNG, recóllese ademais a importancia de que o Goberno do Estado habilite unha liña de axudas para indemnizar aos afectados.
Os populares pretendían con esta iniciativa que a Corporación Provincial amose “unidade de acción” de todos os partidos políticos para avanzar na solución deste problema de saúde vexetal que afecta a 18 concellos na provincia de Lugo.
Elena Candia explicou que “cando rexistramos a moción foi o mércores da semana pasada. Na orde do día vimos que o PSOE levaba unha similar, polo que invitamos a un texto único porque estamos ante un problema de saúde vexetal, un problema económico e no máis importante estamos de acordo”.
A voceira lamentou que o BNG quixera facer política co esta problemática. “Descubrimos que lles preocupa que Balseiro non estea nas reunións, e cítao ata sete veces. Esa é a preocupación, o debate político ante algo que non foi responsabilidade dun partido político e temos que pronunciarnos polo que lle preocupan aos veciños e veciñas”, indicou.
“Apelamos á responsabilidade e ao traballo na mesma dirección de todas as administracións. Petición que reproducimos aquí, creo que debemos manifestarnos con contundencia nos asuntos que preocupan á provincia e pedíamos unhas axudas ao Goberno do Estado porque non é unha praga que afecta solo a Galicia e a colaboración de todas as administracións. Non vou limitar que un Concello queira poñer en marcha unha liña de axudas”.
“Insisto, hai un afán construtivo para que saiban que esta institución sae das primeiras en estar do lado da xente”, precisou a voceira.
Implicación da Xunta
“Cando o PSOE di que a Xunta non fixo nada teño que contradicilo. Hai feitos que o acreditan. Trampas que se colocaron, bichos incautados, accións en 2014 e 2015. Hai un dato moi importante. A oposición que en setembro e outubro lanzáronse aos concellos para facer campaña con críticas despiadadas en conta do Goberno que revalidou a maioría e non criticaron ao Goberno de Feijóo pola couza da pataca”, expuxo Candia.
“Os representantes de En Marea visitaron o meu Concello e a primeira vez que falou diso foi agora. Defendo e documento a acción do Goberno nesta praga pero o mellor dato para dicir que o estaba facendo na liña do que os técnicos indicaban era que a oposición nin o criticou e miren que non tiveron piedade con ningunha acción do Goberno. Se houbera algunha irresponsabilidade, houbérano criticado”.
“O traballo da oposición é advertir cando as cousas son reparables e nin o PSOE nin o BNG sabían facelo mellor e eran cómplices das decisións que tomaba o Goberno agora hai que tomar medidas máis drásticas. E o que aconsellan os técnicos, temos que seguir criterios técnicos para saír da situación. Non pode ser unha decisión política, senón técnica, que son os que teñen coñecemento e capacidade para adoptalas. O que se pide é que os alcaldes teñen que actuar e poñelo en coñecemento, tampouco máis. O Goberno de España, a Xunta e as demais colaborando con responsabilidade para erradicar a praga. Sumar todos os acordos e será un exercicio de exemplaridade que tanto se necesita nesta institución”.
A popular defendeu o traballo informativo que levou a cabo a Xunta. “Houbo reunións cos concellos, cos alcaldes e teñen as oficinas da Xunta á súa disposición para informalos. A maiores explicou que as competencias dos concellos están reguladas na Lei de Bases e teñen que protexer os seus mercados e sei que van actuar”.
Mensaxe unánime
Creo que debemos facer un esforzo e que o pronunciamento sexa claro e mandar unha mensaxe de que estamos a favor de poñer os medios que poidamos para parar esta praga e que demandemos a todas as administracións implicadas.
Ordenanza recadación
O deputado do Grupo Provincial do Partido Popular, José Antonio García, dá a benvida a que o Goberno da Deputación “finalmente” adapte a normativa na recadación dos ingresos de dereito público, cuxa xestión se delegou na administración lucense, á lexislación vixente xa que “tiñamos unha ordenanza obsoleta”. García agradece que “17 meses despois asumisen a vontade que puxo de manifesto o Grupo Popular, cando tiñamos responsabilidades de Goberno, nunha iniciativa e que daquela os socialistas nos votaron en contra”.
O deputado popular lembra que a modificación da ordenanza foi unha prioridade do Goberno de Candia e así liderou unha iniciativa en pleno rexeitada polo Grupo socialista. Na iniciativa dos populares, recollíanse as modificacións que agora propoñen dende o Goberno de Campos, entre elas, medidas para evitar o embargo de vivendas ante o impago dos tributos así como cambios no prazo de pagos e nos límites xunto a outras modificacións de aprazamento, fraccionamento ou redución que “beneficiarán as persoas que están a pasar importantes dificultades económicas”.