Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP preguntará no Pleno pola futura xestión e mantemento dos hortos urbanos do Rato

Lugo, 27 de febreiro de 2017.- O Grupo Provincial do Partido Popular preguntaralle ao Goberno da Deputación, presidida polo socialista Darío Campos, sobre a futura xestión e o mantemento dos hortos urbanos situados nas parcelas xunto ao río Rato.

 

Os populares lembran que no ano 2016 finalizou a concesión que a institución provincial, a través de Suplusa, concedeu á Federación de Asociacións de Veciños de Lugo para a xestión destes hortos. Ante esta situación, dende o Goberno da Deputación anunciaron que estaban a traballar na ampliación e modernización do coñecido como ‘Proxecto de hortos ecolóxicos’.

 

Así, o Grupo Provincial do Partido Popular, que explica que dende este anuncio en novembro de 2016, “non se coñeceron novos avances e datos sobre este plan”, considera necesario que o Goberno da Deputación “dea máis información ao respecto e explique en qué punto está o proceso de ampliación e modernización do proxecto” así como, engaden, “que nos expliquen en qué van conseguir estas actuacións”.

 

Polo tanto, a pregunta dirixida polos populares aos responsables da institución provincial para a súa resposta na próxima sesión plenaria, prevista para este mércores, expón de xeito literal: “¿Que pensa facer o equipo de goberno provincial respecto á xestión e ao mantemento dos hortos urbanos e cales serán as actuacións que se levarán a cabo no marco do anunciado ‘Proxecto de hortos ecolóxicos’?”

 

Por último, os populares agardan obter unha resposta clara e que manifeste que o Goberno provincial está a desenvolver a ampliación dun proxecto que tivo boa acollida entre os veciños e que permite poñer en valor e sacarlle partido a estas parcelas situadas xunto ao Río Rato. “Temos a labor de controlar e fiscalizar ao Goberno e queremos coñecer os seus plans e que estes respondan as verdadeiras demandas dos usuarios destes terreos”, precisan.