Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP agarda que os cambios na Deputación traian consigo a estabilidade da institución

Lugo, 23 de febreiro de 2017.- A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, compareceu hoxe en rolda de prensa acompañada do deputado e secretario xeral do partido, Carlos Armesto, para facer unha valoración dos cambios que se veñen de producir na Deputación de Lugo, coa volta ao Goberno do deputado Manuel Martínez. Á espera das consecuencias que poida traer consigo a reestruturación, os populares expresaron o seu desexo de que sexa unha decisión para garantir unha estabilidade no Goberno da Deputación.

 

Elena Candia expuxo que “estamos probablemente asistindo a un capítulo máis dunha traxicomedia na que se converteu a institución nos últimos tempos e, aínda que non somos responsables, temos que sentir ata vergoña allea. A provincia, e así mo transmite a cidadanía, ten unha dúbida, qué cambiou agora desde a última vez que tiveron ocasión de chegar a acordo”, preguntouse a popular.

 

O KM0, un mal recordo

A popular explicou que “o intercambio nese pacto é o mesmo aparentemente pero algo tivo que cambiar para que despois dun ano agora supostamente poñan o quilómetro a cero, sirva tamén que precisamente non é a mellor frase que defina a situación, xa que cando falamos de km0 nesa institución non trae os mellores recordos”, engade.

 

Candia explicou que o seu grupo “aplaudiría calquera decisión que permitise que a institución tivese normalidade, estabilidade e, sobre todo, un equipo moito máis preocupado dos veciños que de si mesmos. Se esta decisión sirve para iso, aínda que seguimos tendo un Goberno en minoría, a nosa man tendida, o noso compromiso de colaboración para traballar no que realmente temos que traballar, que é en resolver os problemas da nosa provincia”.

 

“Se non é así non nos van valer as explicacións que deron. Nin o que dixo o presidente, a quen antes o señor Martínez non lle valía e era un tránsfuga e agora é un amigo e incorpórao como vicepresidente. Non nos vale tampouco a de Martínez que parece que ve colmadas as súas aspiracións cando os definía como trileros. Parece que os antecedentes sen dúbida nos deixan unha situación preocupante e nós cos nosos doce deputados seguiremos traballando polo que nos preocupa que é esta provincia, o proxecto que temos e que os Orzamentos sexan unha realidade canto antes”.

 

“Hoxe sabemos que realmente os Presupostos non eran un problema de entendemento, transmitimos as nosas achegas priorizando os intereses da provincia e tamén se posicionou o BNG poñendo enriba da mesa as condicións. O presidente estaba dacordo, el mesmo o dixo, con ese modelo. Podíanse levar en decembro, pero vemos que a razón era o mercadeo político que se levaba con alevosía e nocturnidade entre os despachos do presidente e do deputado Martínez”.

 

A voceira asegurou que a imaxe “nos provoca vergoña, se eles non o fan e aínda que non somos os responsables, pedimos desculpas á provincia e, o máis importante, seguiremos traballando polo que realmente importa, que aínda que os Orzamentos non foron en febreiro, esperemos que vaian en marzo e cumpra a palabra dada a este grupo e a todos os lucenses e se incorporen esas peticións do noso grupo, que segue sendo determinante nun Goberno en minoría”.

 

A popular pídelle ao PSOE que abandone as prácticas tóxicas que puxeron en evidencia e que se tomen en serio o cargo que asumiron no seu momento e que traballen non pensando nas maniobras do PSOE, senón na nosa provincia. “Pregúntome qué pensarán asociacións que non saben se contará cunha subvención, qué pensamos os concellos que non sabemos a día de hoxe qué cantidade temos cando hoxe vexan que o que pasaba era un intento de reconciliación utilizando como moeda de cambio unha institución que entre todos temos que facela respectable e respectala”, conclúe.