Partido Popular de Lugo

O PP de Cervantes rexistrará un escrito no Concello para pedirlle ao Goberno local que presente, á maior brevidade, unha modificación da ordenanza fiscal que regula o IBI

Cervantes, 21 de febreiro de 2017.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Cervantes rexistrará un escrito no Concello para pedirlle ao Goberno local que presente, “á maior brevidade posible”, unha proposta de modificación da ordenanza fiscal que regula o IBI.

 

O voceiro do Grupo Municipal do PP, Javier Santín, asegura que se ven obrigados a tomar esta decisión ante a “pasividade e falta de palabra do Goberno municipal”.

 

Dende o PP recordan que na sesión plenaria do pasado mes de setembro presentaron unha iniciativa na que se solicitaba unha rebaixa xeral do IBI e o establecemento das máximas bonificacións posibles. “Esta moción foi rexeitada polo equipo de Goberno, que pouco despois pretendeu facer súa parte da nosa proposta anunciando a intención de reducir o imposto unicamente para explotacións gandeiras”, sinalan. Non obstante, recordan os populares “pasaron os meses e nada se fixo a este respecto, nin temos noticias de que se estea traballando niso”.

 

O PP pediu insiste nesta modificación á baixa para amortiguar a suba de impostos que suporía a regularización catastral e que os veciños teñan que soportar unha menor carga impositiva.

 

 

Dende o Grupo Municipal do PP critican esta actitude do rexedor e aseguran que responde “a unha necesidade imperante de protagonismo e de enganar á opinión pública, pero non de traballar a favor dos dereitos dos nosos veciños, cómo sería a obriga dun Goberno local responsable”.

 

Dende o Grupo Popular recordan ademais que na moción rexeitada polo equipo de goberno solicitábase, en concreto, “que a nova ordenanza ou ben contemplase unha redución da carga impositiva incorporando os mínimos de gravame previstos na lei ou ben e, como moito, regule un valor inferior ao da media da provincia de Lugo”.

 

A taxa de IBI de Cervantes é superior á media da provincia

Dende o PP apuntaban que “en base a datos obxectivos, segundo establece a Lei, o tipo mínimo regulador do ben inmoble rústico é dun 0,3%, mentres que o gravame que cobra o Concello de Cervantes é do 0,6%. Ademais, esta taxa de IBI dos bens inmobles rústicos do Concello de Cervantes é superior ao da media de toda a provincia de Lugo, que é do 0,52%”.

 

A moción dos populares ía máis aló e tamén solicitaba que a nova Ordenanza Fiscal reguladora do Imposto de Bens Inmobles incorporase “as bonificacións e beneficios fiscais dirixidos ás familias numerosas e asentamentos de poboación nos que teñan preeminencia actividades primarias de carácter agrícola, gandeiro e forestal, e que veñen establecidas na lexislación vixente”.

 

Un Goberno municipal que non cumpre

Dende o PP lamentan que o Goberno municipal “non apoiase esta ambiciosa moción que tanto beneficiaba a todos os veciños e veciñas de Cervantes” e critican ademais “que pouco despois o rexedor pretendese facer súa parcialmente a nosa iniciativa anunciando a intención de reducir o imposto nas explotacións gandeiras que ata o de agora non se fixeron realidade”, lamentan.

 

Por este motivo os populares esixen que dende o Goberno local se presente “de maneira inmediata ese borrador de ordenanza para poder estudalo”. Ademais, tamén lle recomendan ao rexedor que inclúa na mesma as melloras propostas polo PP “que tanto beneficiarían aos nosos veciños e veciñas”.