Lugo, 21 de febreiro de 2017.- O Grupo Provincial do Partido Popular rexistrará unha moción para o seu debate no Pleno do vindeiro un de marzo na que pedirán que as administracións implicadas tomen as medidas precisas para que non se estenda a praga da couza da pataca. Demandan ademais que o Goberno do Estado habilite unha liña de axudas para indemnizar aos afectados.
Os populares pretenden con esta iniciativa que a Corporación Provincial amose “unidade de acción” de todos os partidos políticos para avanzar na solución deste problema de saúde vexetal que afecta a 18 concellos na provincia de Lugo. En concreto, aos concellos de: O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Ourol, Abadín, A Pastoriza, Riotorto e A Pontenova.
A voceira do PP, Elena Candia, explica que, á falta de que se coñezan as medidas que imporá o Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente no decreto que está a elaborar ao respecto desta praga, “temos ante nós o reto e a obriga de traballar xuntos e cooperar todas as administracións”.
Así, engade que é básico actuar con unidade e responsabilidade para conseguir que os danos sexan os menores posibles e todos os afectados poidan acceder aos recursos, información e apoios xa en marcha a través das oficinas agrarias, así como aquelas outras medidas e axudas que articulen as administracións autonómica e estatal. O obxectivo, precisa, é impedir que se estenda e chegue a áreas nas que se produce para a venda, en especial da Indicación Xeográfica Pataca de Galicia.
Recoñecemento ao traballo da Xunta
Desde o PP Provincial recordan e agradecen o traballo que se está a facer desde a Consellería do Medio Rural. No momento no que se detectou a presenza do insecto en Galicia comezaron as accións, xa en 2015, e agora estase levando a cabo unha intensa campaña de información tanto con produtores, incluídos os responsables da IXP Pataca de Galicia, como cos gobernos locais e sindicatos agrarios.