Lourenzá, 13 de febreiro de 2017.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Lourenzá lamenta que “o pasotismo” da alcaldesa da localidade, Rocío López, ante os asuntos de interese para o municipio, estea a privar aos veciños das xornadas informativas que técnicos da Xunta de Galicia celebrarán nos municipios afectados pola praga da pataca.
Os populares lembran que a Xunta ofreceu a posibilidade de que técnicos de Medio Rural explicasen de primeira man ás veciñas e veciños os efectos deste insecto nas colleitas, as medidas postas en marcha para frear a súa expansión e as distintas axudas e normativas que son de aplicación. Malia que a inmensa maioría dos concellos da comarca, responderon a este ofrecemento e xa teñen programadas as súas charlas, “a alcaldesa de Lourenzá non fixo o propio”, explica a voceira municipal, Emma Álvarez.
Álvarez desaproba que a rexedora “non fose quen de poñerse en contacto coa Delegación da Xunta e solicitar a celebración dunha xornada informativa en Lourenzá”. “Unha vez máis a deixadez posta de manifesto en diferentes ocasións pola alcaldesa, volve a amosarse afectando de xeito negativo aos veciños”, lamenta.
Dada esta situación, dende o Grupo Municipal do Partido Popular esíxenlle a Rocío López que “rectifique xa”, e que, engaden, “pense no interese dos produtores deste tubérculo, a maioría deles veciños que plantan para o autoconsumo”. “Pedímoslle que reaccione, que se poña a traballar e rectifique a súa actitude de desprezo polos asuntos que son de interese da veciñanza e tome, sen perder un minuto máis, as accións que sexan necesarias para que Lourenzá tamén poda sumarse ás charlas informativas que ofreceu a Consellería do Medio Rural e a Delegación da Xunta en Lugo”, reiteran.