Trabada, 11 de febreiro de 2017.- O Grupo Municipal do PP de Trabada enviaralle a cada veciño da localidade unha explicación do que está pasando coa residencia do municipio e do resto da provincia, con especial atención á demanda que interpuxo o presidente da Deputación, Goberno do que forma parte a alcaldesa Mayra García como deputada, na que renega delas e di que non ten competencias.
Os populares recordan que Darío Campos levou ao PP ao Xulgado por facer os trámites que se precisan para abrir a residencia de Trabada e as demais da provincia.
Os populares lamentan que a rexedora “se deixe levar primeiro polas mentiras de Besteiro e agora polas de Campos” e non recoñeza que os únicos que están a poñer atrancos a que o seu centro de maiores se poña a funcionar son os membros cos que comparte Goberno na Deputación de Lugo.
O voceiro do PP, José Manuel Yanes Ginzo, explica que se lle mandará toda a información aos veciños e veciñas para que vexan que o Goberno Provincial interpuxo unha demanda contra eles para recorrer o cambio nos estatutos de Suplusa, unha modificación que promoveron os populares e sen a cal a sociedade urbanística non pode ser prestadora de servizos sociais, o paso imprescindible para abrir as residencias.
Desde o PP sosteñen que “non imos aceptar ningún tipo de vitimismo cando é o Goberno do PSOE do que forma parte Mayra García, o que tratou de paralizar a apertura dos centros de maiores argumentando que non teñen competencias, pese a que previamente votaron a favor do cambio nos estatutos.
“A contradición é evidente, sinala Ginzo, primeiro invisten na súa construción, despois votan a favor de que sexan prestadoras de servizos e logo lévannos ao Xulgado por pretender abrilas e din que non son competentes, cando xa teñen gastado 15 millóns de euros en levantalas”.
O popular diríxese á alcaldesa, quen entende que estea molesta cos compañeiros que asinaron a demanda e cuxas costas van ter que pagar, pero recoméndalle que os problemas coa residencia os arranxe dentro da súa casa porque esta vez, igual que moitas outras, o PP non ten culpa, senón que é o único que está a traballar porque abran canto antes.