Lugo, 9 de febreiro de 2017.- O Grupo Provincial do Partido Popular explica que o ente provincial de turismo que hoxe propuxo o Eixo Atlántico en Lugo é un dos incumprimentos plenarios do presidente da Deputación. Así, os populares recordan que elevaron ao Pleno da Deputación en maio de 2016 unha proposta para crear este ente que, pese a ser aprobada por unanimidade, os socialistas decidiron desatender.
A voceira do PP, Elena Candia, pregúntase “cómo no acto de hoxe non lles caeu a cara de vergoña cando alguén lles vén a propor algo que forma parte das obrigas que teñen como Goberno e que sistematicamente deciden incumprir”. “Non teñen que seguir apoiándose en informes nin facendo máis consultas, bastaría con que acataran os acordos que toma o Pleno e se poñan mans á obra dunha vez por todas”, censura.
Recorda ademais, que en decembro o seu Grupo presentou o seu plan estratéxico de turismo para a provincia ante o abandono, a inactividade e a desgana ás que a Deputación de Lugo ten sometido ao sector no que os populares consideran “un tempo perdido”.
O PP amósase especialmente crítico porque en todo este tempo o presidente socialista só puxo en marcha un proceso de contratación dun plan en materia turística que non rematou, pese a contar cun orzamento de 440.000 euros. Os populares consideran que tiñan plan e diñeiro e acordos plenarios aos que atender, “pero faltáronlles as ganas de traballar”.
Obxectivos do plan
Os obxectivos que o PP pretendía co seu plan, que máis tarde entregou de novo na Deputación de Lugo para a súa consideración, pasan por mellorar o coñecemento da provincia e os seus produtos, mellorar a imaxe do destino ‘Provincia de Lugo’, aumentar o número de visitas, a estancia media, o gasto que realiza o turista, a súa satisfacción na visita e a súa fidelidade, así como diminuír a estacionalidade.