Lugo, 9 de febreiro de 2017.- O Grupo Provincial do PP valora a boa vontade, a claridade e os compromisos que onte amosou no Parlamento o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, para colaborar coa Deputación de Lugo para a posta en marcha das residencias na provincia.
A voceira do PP, Elena Candia, considera que a Deputación debera desculparse por mandar ao vicepresidente, Álvaro Santos, ao Parlamento “contar as mentiras máis grandes”. Precisa que o presidente da Deputación debera comparecer e pedir desculpa por faltarlle ao respecto a un conselleiro que estaba ofrecendo a súa colaboración para buscarlle unha solución ao problema que o propio Goberno do PSOE xerou.
Para a voceira do PP na Deputación, Elena Candia, “quedou claro quen é o que segue a poñer atrancos para que a apertura das residencias sexa unha realidade”. Asegura que quedou ao descuberto a verdade dos socialistas que é que non queren abrir os centros de maiores, pero defende que “nós seremos a garantía de que comecen a funcionar”.
“Están nun calexón sen saída e atacados polas súas propias mentiras, mentres que nós seguimos o procedemento iniciado no 2010 e respectado de xeito escrupuloso o que marca a Lei”, indica.
Un paso imprescindible
Así, os populares insisten, tal e como expuxo o conselleiro, na necesidade de que a Sociedade Urbanística Provincial formalice a súa inscrición no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), xa que non existe en Galicia ningún centro no que se presten servizos sociais que non estea inscrito no rexistro. Deste xeito, o PP presenta hoxe un escrito, agora que os estatutos están modificados de maneira oficial, para solicitarlle ao organismo provincial a inscrición no RUEPSS, como paso previo para abrir as residencias á maior brevidade posible. Se a Deputación non atende esta petición no prazo dunha semana pedirá que se convoque un consello de administración de Suplusa.
O Grupo Provincial do PP defende tamén, como así fixo o conselleiro, a importancia de que cumpran con todos os requisitos esixidos pola norma, posto que nalgúns casos se detectaron unha serie de deficiencias que é pertinente corrixir.
O PP promoveu o cambio nos estatutos
O Grupo Provincial do PP critica ademais que os socialistas esquezan agora que tivo que ser unha proposta dos populares a que posibilitou un cambio nos estatutos de Suplusa para que poida ser prestadora se servizos sociais. Un cambio que trataron de paralizar cunha demanda xudicial, pese a ter votado a favor dese cambio nos estatutos, “aí se ve o interese que teñen en que as residencias comecen a funcionar”, replica Candia.
Desde o PP recordan ademais que os socialistas fixeron a selección do persoal para as residencias no ano 2015, antes dunhas eleccións municipais, e a día de hoxe, dous anos despois, seguen sen traballo.