Sarria, 8 de febreiro de 2017.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria amosa a súa satisfacción polas xestión que o voceiro do PP no Senado, o luncense José Manuel Barreiro, está a levar a cabo co presidente de Adif en relación aos servizos ferroviarios, así como cos responsables de Renfe.
Onte mesmo Barreiro mantivo unha xuntanza de traballo con Juan Bravo, presidente do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias, quen lle trasladou que “non é certo que vaian desaparecer servizos en Sarria”. O que está a suceder, explica, é que se está a proceder a unha automatización do servizo, pero mantendo ao persoal que así poderá ser liberado dalgunha das súas ocupacións para levar a cabo outro tipo de tarefas.
Deste xeito, os usuarios e usuarias do tren seguirán a recibir o mesmo servizo que se presta na actualidade, de maneira que poderán retirar os seus billetes na estación do tren de Sarria, tal e como se viña facendo ata o de agora.
Irresponsabilidade da alcaldesa
O Grupo Municipal Popular agradece o traballo que se está a facer por parte do voceiro do Senado, así como a preocupación amosada e o interese en aclarar cal é a situación, mentres que a alcaldesa “o único que foi capaz de facer neste tempo foi colocarse detrás dunha pancarta”. Lamentan que nin tan sequera fora quen de responder sobre este asunto no Pleno a preguntas dos populares e que non fixera “unha soa xestión para coñecer de primeira man as intencións de Renfe e Adif antes de agarrarse á pancarta para protestar por un servizo que seguirá a prestarse”.
“Unha vez máis a socialista deixa ver a súa irresponsabilidade á fronte do Goberno municipal, xa que mentres que o PP se ocupa e preocupa por defender os intereses dos veciños e veciñas, ela opta pola confrontación política”.